«O alzhéimer e unha das grandes epidemias do século XXI»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A entidade bergantiñá celebra o día desta doenza cunha semana completa de actos

23 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Afaber é, desde hai xa moitos anos, a cara máis visible da loita contra o alzhéimer e o apoio a doentes e familiares en Bergantiños. E como sempre por estas datas, a entidade aproveita a celebración do día mundial desta doenza para tratar de facer máis visible o seu labor e lograr que a enfermidade reciba a atención que merece. É unha tarefa na que, segundo explica o seu presidente, Jesús Villar Antelo, aínda queda camiño por percorrer.

-De novo non se conforman cunha xornada, senón que dedican toda unha semana a conmemorar o Día Mundial do Alzhéimer.

-Si, porque aínda que o Día Mundial é o 21 para nós todos os días do ano o son e a razón de organizar toda unha semana de actividades é estar no candeeiro e que a xente se vaia concienciando sobre o problema do alzhéimer. Hoxe en día todo o mundo debería saber xa algo desta doenza, pero...

-¿Queda xente que aínda non sabe que é o alzhéimer?

-Si. Mesmo hai xente maior, de 80 anos ou así, que che di que esa enfermidade xa a pasou, como se estivera falando de papeiras ou algo así.

-¿Como é traballar no eido dunha doenza como esta?

-A verdade é que resulta algo moi sacrificado porque resulta moi triste chegar á casa e que a túa nai ou o teu pai non saiban o teu nome nin quen es. Por desgraza, nestes momentos non hai cura ningunha, pero cos traballos de terapia que facemos vamos paliando e atrasando un pouquiño a enfermidade. A xente ten que activar a memoria. Eu sempre digo que isto é o mesmo que sucede cos xogadores de fútbol ou outros deportistas: se non adestran chega a fin de semana e non van render. Hai que adestrar a memoria e tratar de estar o máis lúcido posible.

-¿Dedícanse recursos suficientes para investigalo ou pódese facer máis?

-Estamos nun momento crítico así que si antes daban dez para investigación en alzhéimer agora dan un ou dous. No caso do cancro, existen moitos tipos para os que xa hai curación e a xente sae adiante, pois no alzhéimer aspiramos a que sexa así tamén. Sabemos que non vai ser para agora, pero polo menos que sexa para un futuro non lonxano porque está vai ser unha gran epidemia do século XXI. Ademais, a metade da xente que ten alzhéimer non está diagnosticada e cando más se tarde en ir ao médico, peor.

-¿Pode haber casos de xente que retrasa acudir ao médico por temor, precisamente, a ese diagnóstico?

-É certo que levar a unha persoa ao médico e dicirlle que ten alzhéimer é complicado. Nestes momentos hai xente que ten medo porque a diferenza de outras doenzas, non ten curación.

-¿Quen precisa máis axuda, o doente ou os familiares?

-Esa é a cuestión, porque o coidador ten que ter un gran coñecemento do que é o alzhéimer e estar ben coidado tamén el porque se non é imposible que se ocupe do enfermo, por iso neste momento case é máis importante ocuparse do coidador que da persoa que ten alzhéimer xa avanzado de terceiro grado: o problema é o estado psicolóxico do primeiro.