«A xente de fóra valora moito o pichorro»

Á. palmou

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Cances celebrará hoxe unha nova edición da súa festa inspirada no mundo do millo

28 ago 2015 . Actualizado a las 23:58 h.

Na parroquia carballesa de Cances contaron as horas estes días para unha das súas celebracións máis importantes, a Festa do Pichorro, que terá lugar hoxe no recinto das escolas e na que, ademais do prato estrela da xornada, as mazorcas de millo asadas, haberá outros atractivos gastronómicos, ademais de música tradicional, o cuarto campionato de debullamento de millo co mango do fouciño e baile. Á fronte dos preparativos está un ano máis Francisco Méndez, músico e presidente da asociación cultural San Campio de Cances.

-¿Xa está todo listo para a festa?

-Os preparativos xa están bastante avanzados. As carpas xa están montadas e mañá [por hoxe] queremos xa deixar todo listo para poder dedicarnos o día da festa só a atender á xente. Contamos xuntar 500 persoas.

-¿Que é o que máis chama á xente?

-O campionato de debullamento de millo chama a atención porque hai moita xente que non está acostumada a ver iso, pero o que máis os atrae son os pichorros. Hai xente que está por aquí de vacacións que se entera da festa e vén a propósito a comelo: ocorreu o ano pasado cuns de Bilbao. A xente de fóra valora moito o pichorro.

-¿Como xurdiu a idea do campionato de debullamento?

-Nós sempre quixemos facer unha demostración de como é o proceso do millo e pareceunos que mellor que esfollar, que resulta complicado de facer e de recoller despois, era o debullamento co mango do fouciño. Hai un caldeiro con dez espigas e o que remate antes é o que gaña, pero hai un señor que non hai que poida con el.