Homenaxe a Man na súa vila natal

CARBALLO

A. LAVANDEIRA

O Semescom iniciou unha viaxe a Alemaña que pasa pola vila do artista

22 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Jan Hus e Martín Lutero son dous dos personaxes obxecto de atención do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) no súa nova viaxe de verán que iniciou este xoves por terras dos vellos suevos, que invadiron o territorio da Galicia romana no século V. Jan Hus foi un filósofo e sacerdote bohemio que predicaba a pobreza da Igrexa e acabou queimado na fogueira en xullo de 1415, hai agora 600 anos, na cidade alemana de Constanza. Precisamente esta foi a primeira urbe visitada polos integrantes da expedición, na súa maioría profesionais do ensino.

Non entanto, o acto máis importante deste percorrido polo sur de Alemaña foi o dedicado o mesmo xoves a Manfred Gnadinger, o Alemán de Camelle, que viviu nesta localidade da Costa da Morte entre 1961 e o 2002. O presidente do Semescom, Xosé María Lema, depositou no Stadgarten de Radolfzell, o municipio natal de Man, unha pedra traída dende a costa camellá coa inscripción Remember to Manfred Gnadinger from Camelle (Galicia-Spain). Foi a viaxeira Florinda Añón a que se encargou de levar o canto rodado e máis un recipiente de area dunha praia camariñá para depositalas no xardín da vila xermana.

O acto foi sinxelo, pero emotivo, e constitúe a primeira homenaxe dunha entidade da Costa da Morte no concello do que era natural o artista. Esta cidade foi fundada no século IX polo bispo Rodolfo de Verona.

A viaxe do Semescom continúa polas terras da Reforma de Lutero e máis polos primeiros escenarios do nazismo. A documentación que serve de guía do percorrido elaborouna Xosé María Lema coa axuda de Antón García Losada e a organización corre a cargo de Chus Barbeira.