«O noso obxectivo é dar a coñecer O Ézaro»

La Voz

CARBALLO

O concelleiro Raúl González.
O concelleiro Raúl González.

01 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai trinta anos que se celebra esta coñecida festa deportiva. Un dos rapaces que comezaron a organizala foi Raúl González, que continúa ao fronte da celebración. O dumbriés é, ademais, concelleiro de Deportes da localidade.

-¿Qué ten O Ézaro que atrae a tanta xente para facer deporte?

-Pois goberno local e un alcalde que apostan por isto. A praia e a súa festa é a que é hoxe en día grazas ao esforzo do Concello de Dumbría. O lugar en si precisa uns equipamentos e uns gastos que só pode asumir o Concello. Ademais, a fin de semana pasada, cando se celebrou o campionato nacional de vóley praia, que gañou o Dumbría, toda a xente que veu desde moitos lugares de España acabaron moi satisfeitos e felicitáronnos polas instalación e o ben que estaba todo. Ese é o noso obxectivo, o de dar a coñecer Dumbría e a praia do Ézaro.

-¿Recorda como comezou esta experiencia hai trinta anos?

-Pois éramos un grupo de rapaces moi novos. Como nestas datas de verán en Dumbría non había festas, decidimos organizar os nosos propios torneos de fútbol praia. Tamén tíñamos de aquela unha carreira de burros moi popular, aínda que agora a que se coñece é a de A Ameixenda. Daquela íamos polas casas pedindo colaboración, pero agora xa está xestionado polo Concello e foise ampliando pouco a pouco desde hai trinta anos.

-¿Como está sendo o ambiente polo de agora?

-É un constante ir e vir de xente pola praia. Nótase, ademais, no ambiente de festa. Tamén hai unha pequena acampada para aqueles que quedan durmir.

-¿Como resulta a experiencia de combinar actuacións musicais e deporte na praia?

-É unha experiencia moi boa. Hai competicións que se disputan mentres actúan as orquestras e as discotecas móbiles.