O cárcere de Monterroso renova o seu compromiso co medio ambiente

La Voz

CARBALLO

A prisión e Sogama seguirán colaborando na formación ambiental dos reclusos

08 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Sogama e o centro penitenciario de Monterroso renovaron o seu acordo para apoiar á institución na formación ambiental dos reclusos e incluso ampliar as súas actuacións.

A participación no proxecto europeo Grundtvig, xunto con entidades doutros países, ten o seu máximo expoñente no traballo que realiza o centro baixo o nome de «Desenvolvemento sostible para todos».

Con este programa preténdese mellorar a educación de adultos no sentido máis amplo e que estes aposten polo cambio cara a un maior benestar e calidade de vida sostible.

Compostaxe doméstica

Ademais das campañas educativas, existe un programa de compostaxe doméstica a través do cal o centro conseguiu elaborar un abono de alta calidade que emprega na súa horta ecolóxica. Os internos, voluntariamente, cultivan alí distintas froitas, verduras e hortalizas, contando até cun invernadoiro que eles mesmos fabricaron a partir de botellas de auga fóra de uso.