Baio reclama o Día das Letras Galegas para Labarta Pose

Á. P.

CARBALLO

Jorge Mira e Xosé María Lema inician a campaña reivindicativa

19 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha xornada despois do Día das Letras Galegas dedicado a Filgueira Valverde, en Baio comezaron xa a mobilizarse para que a celebración do próximo ano teña sabor local. Jorge Mira, presidente da Comisión pro Letras Galegas para Enrique Labarta Pose (1863-1925), e Xosé María Lema visitaron onte o instituto Maximino Romero de Lema para dar o pistoletazo de saída dunha campaña de apoio ao escritor e xornalista baiés. Trátase dunha vella reivindicación que se formalizou xa no ano 1999 coa creación da citada comisión.

Mira e Lema repasaron a traxectoria de Labarta Pose lembrando que foi pioneiro en moitos eidos -«nas letras galegas, en cultivar tres xéneros literarios, na prensa satírica española e na fotografía»-, pero destacaron tamén que non é o único persoeiro senlleiro de Baio, unha vila que segundo explicaron ao longo da súa historia ten sido prolífica en filántropos, como Maximino Romero de Lema, Platas Reinoso ou os pais do poeta Teodoro Morgade.