O Proxecto Mougás, o resultado de unir a historia e a natureza

Manuel Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O entorno da Cabeciña acolle os traballos que impulsan o desenvolvemento do lugar

11 may 2015 . Actualizado a las 12:59 h.

O entorno da parroquia de Mougás, situada no concello pontevedrés de Oia, sufriu durante a segunda metade do século XX o impacto da urbanización descontrolada, a invasión de especies foráneas a cantería desmesurada e os incendios. Nestes últimos anos, o traballo dos veciños, a través da Comunidade de Montes, que conta coa colaboración da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, conseguiu poñer en valor o importante legado histórico dese entorno

A Cabeciña

Nas faldras da Serra da Groba, que acada os 700 metros de altura a carón do mar, establecéronse desde hai miles de anos os habitantes da zona. Nun outeiro a uns 150 metros sobre o nivel do mar está o castro da Cabeciña, que destaca polas súas murallas e foxos. Nestes anos de traballo dos veciños, tamén se levaron a cabo labores de limpeza e excavación para coñecer máis datos sobre este enclave. Ao lado da muralla este atópanse os petroglifos do mesmo nome, A Cabeciña, únicos en Galicia polas súas características. As condicións de conservación fanos apreciables en calquera momento do día e con calquera condición lumínica.

O Proxecto Mougás xira en torno á posta en valor deste enclave arqueolóxico, fomentando a colaboración veciñal e, ao mesmo tempo, potenciar o turismo. E estase logrando, xa que Mougás recibe cada fin de semana a ducias de turistas interesados na historia. Pero a proposta non só se queda aí, e é o que máis importa en Ecovoz. O proxecto ten un carácter integral, xa que inclúe novas formas de explotación sustentable do monte como o resinado de piñeiro ou a substitución de eucalipto por frondosa autóctona e oliveira. Este plan ten tres consecuencias moi positivas para o entorno. A nivel socioeconómico, créanse postos de traballo e xéranse ingresos coa venda de resina, a oliva e a castaña. E a nivel forestal, a masa de especies autóctonas crea unha barreira natural para o lume, ademais da limpeza do monte que realizan os animais que pastan.

ECOVOZ