«Hai moito máis mercado para os produtos ecolóxicos»

C. V. G.

CARBALLO

Mañá participará nunha xornada de horticultura en Fonteboa

18 feb 2015 . Actualizado a las 12:44 h.

Ernesto Sánchez Salgado é o director técnico do Craega (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia). Mañá vai participar nunha xornada sobre horticultura que se vai desenvolver en Fonteboa. A actividade, que está aberta a tódo o público, é de 16,15 a 18,45 horas. Os interesados en ter máis información poden chamar ao 981 733 051.

-¿Cales son os requisitos para ter unha horta ecolóxica?

-A diferenza básica está no sistema de fertilización. Tamén hai moitas máis restricións no uso dos fitosanitarios, porque só hai unhas poucas sustancias permitidas, o que implica ter que facer rotación de cultivos. É bastante doada a certificación, pero hai que levar uns rexistros do que se fai na explotación para que no Craega teñamos claro que as cousas se están a facer ben.

-¿Por que hai máis interese por esta forma de cultivo?

-Hai moito máis mercado para os produtos ecolóxicos e, polo tanto, máis oportunidades de negocio. Nos últimos cinco ou seis anos, desde que comezou a crise, a tasa de crecemento das certificacións ecolóxicas foi do 20 % anual.

-¿Cal é o destino da nosa produción?

-A maior parte comercialízase fóra de Galicia, porque noutros mercados teñen máis saída. É o caso dos do centro e o norte de Europa. Con certificacións ecolóxicas é máis doado que te escoiten. Sen elas xa nin sequera falan contigo. Teñen necesidade de materia prima porque se dedican sobre todo á transformación. É nese campo no que nós temos posibilidades.

-¿Tamén hai axudas?

-O maior interese pola agricultura ecolóxica non é polas axudas que poida haber, senón polo tirón do mercado. A xente estase a dar conta de que os produtos teñen una mellor saída e que conseguen prezos máis elevados.