O prezo a pagar pola chegada do covid

Mónica Mariño

CARBALLO

Ana Garcia

Plumas con Mando, escribe a directora do IES Alfredo Brañas de Carballo | Gañouse en comportamento e disciplina, pero perdéronse demasiadas cousas

28 feb 2021 . Actualizado a las 21:35 h.

A primeira vez que falaron do covid esta estaba moi lonxe, en China. «Seguro que non nos afecta», pensamos.

A primeira referencia no noso país foi en Madrid… Quedaba tamén lonxe! Que esaxerados! E alí fecharon as escolas.

En Galicia non parece que sexa tan grave, en Madrid están sendo moi alarmistas. A sensación cambiou cando o 12 de marzo de 2020, ás 13.00 horas, o presidente da Xunta anuncia en rolda de prensa a suspensión das clases a partir do luns do día 16. Na escola xa nada volvería ser coma antes.

Este setembro comezamos o novo curso, moi ilusionados. Con até tres protocolos distintos por mor da pandemia. Que se 1,5 metros de distanciamento entre centro da mesa e centro da mesa, que se despois dous metros, que logo un metro con paneis separadores de metacrilato. Carteis por todas partes nas diferentes entradas, no chan, nas portas dos cuartos de baño, con recordatorios de como poñer a máscara, o uso normalizado e cotián do xel hidroalcohólico e todo o centro empapelado de normas, normas e máis normas. E as entradas, os recreos e as saídas graduais para non xuntarse, respectando as distancias.

-Andrea, podes vir un momento?

-Profe, confundiuse, non son Andrea, son Aroa.

-Desculpa e que coa máscara é complicado.

Tivemos que adaptarnos á nova situación. Amoldámonos a un sistema telemático de traballo, coñecedores de que isto veu para quedarse.

Foi un bo momento para mercar computadores, canóns, pantallas dixitais, altofalantes, cámaras web. E, mentres, decatámonos das diferenzas sociais e formativas por falta de recursos informáticos e de conexión. Aínda así volvémonos máis competentes, especializámonos máis na formación das TIC.

Deuse por feito que o profesorado tiña todos os medios para traballar desde a casa, no caso de precisalo. Xurdiu un importante distanciamento social, perdeuse contacto co alumnado e isto acentuouse ao non poder levar a cabo practicamente ningunha actividade complementaria e extraescolar (visitar museos, teatro, excursións, competicións deportivas...). Perdeuse a transversalidade da educación, de aprender de maneira interdisciplinar, perdéronse valores e remarcouse a individualidade. Deixaron de detectarse problemas de necesidades básicas das familias, desapareceu a integración social.

Gañouse, iso si, en comportamento e disciplina, pero a forza dun prezo moi alto.

Suprimíronse laboratorios, aulas de música, obradoiros de tecnoloxía para facer máis aulas, o que supuxo unha regresión de moito tempo nesas especialidades. E mesmo as dificultades provocadas polo covid tamén chegaron á biblioteca e agora o silencio é a nota dominante.

A parte positiva foi a boa disposición do profesorado, que intenta e consegue facer o seu traballo nunha situación totalmente anómala. E moitos días cun frío que chega ata os mesmos ósos, non hai roupa de abrigo suficiente. Aínda que prendas a calefacción non serve de moito pois ao longo de toda a xornada laboral están as xanelas e as portas abertas. E xa non digo nada nun país como este, no que chove (e non precisamente miudiño) a metade dos días do ano. Chegaron Gaetan, Hortensia, Ignacio, Justine e ata Karim, xunto a unha longa cadea de borrascas, e aí seguimos, con esas portas e esas xanelas das aulas abertas. Menos mal que non apareceu Filomena. Era a que faltaba.

E logo, cando impartimos a clase, deixamos no intento a gorxa. E non podemos acercarnos ao alumnado para explicarlles de forma individual. Pérdese o contacto. E nin sequera reparamos no seu sorriso.

Síntoo por Maquiavelo, pero este fin non xustifica os medios.