Non hai moito tempo, un importante político español, Alfredo Pérez Rubalcaba, comentaba diante dos medios de comunicación algo co que soemos estar maioritariamente dacordo: «En España se entierra muy bien». É moi habitual que no momento do falecemento dunha persoa se prodiguen as loubanzas e aclamacións da mesma. Así, tal e como recollen diversos medios de comunicación, Baldomero terá un derradeiro homenaxe por parte da vila que o veu nacer, xa sexa en forma de rúa ou de nome en algún edificio senlleiro da mesma.
O que é moito menos habitual é que estes recoñecementos teñan lugar en vida do homenaxeado, sendo aínda menos se proceden dos seus conveciños. Esta circunstancia garda relación coa popularidade da sentencia bíblica protagonizada por Xesús cando estaba a predicar na sinagoga de Nazaret: ?En verdade, dígovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra».
Non é o caso de Baldomero Cores Trasmonte, que si foi merecedor en vida do recoñecemento da súa vila por parte da corporación municipal. E foino en dúas ocasións; a primeira cando só contaba 26 anos de idade, algo certamente extraordinario se o miramos desde o presente. Foi no ano 1955 cando se lle concedeu a distinción como cronista oficial da vila de Cee. Detrás da mesma tivo moito que ver, máis que algún que outro artigo publicado en revistas ou xornais -que tamén-, a súa campaña xornalística en prol de acadar a ensinanza laboral para o colexio Fernando Blanco, do que el fora alumno na súa nenez e nas súas propias verbas gran crisol de ceensidade. Como ben saben moitos veciños e exalumnos, este centro abriría as súas portas como instituto no curso 1954-55.
A segunda ocasión foi no 2006 cando recibiu a Medalla Fernando Blanco, xornada na que, profundamente emocionado, facía un fermoso canto á súa vila centrando o seu discurso Eloxio da ceensidade no seu gran amor por Cee: «Non recordo día, hora ou segundo, nos que, se viñera ao caso, e moitas veces aínda que non viñera, perderamos a oportunidade de servir, de sentir, de mirala terra nutricia co afecto que para nós merécese».
Tiven a sorte de coñecer a Baldomero Cores en 1998, cando se empezou a xestar a idea de facer un estudio histórico ambicioso sobre a vila de Cee. Daquela residía en Santiago onde, tendo xa rematados os estudos da licenciatura en Xeografía e Historia coas especialidades de Historia Moderna, Biblioteconomía, Arquivística e Documentación, defendera recentemente a miña tese de licenciatura, Dinámica sociodemográfica del finisterre gallego, 1600-1860. A súa proposta de participar na Historia de Cee foi aceptada con moita honra, pero tamén responsabilidade por intentar estar á altura dun proxecto desa envergadura baixo a súa coordinación.
O seu exquisito trato persoal, como a ilusión que transmitía, fixo o resto e contaxiou a todos os que colaboramos na redacción daquel traballo cun resultado final, presentado nun Día das Letras Galegas do ano 1999, creo que máis que satisfactorio e do que a súa lectura ou relectura pode ser tamén un pequeno homenaxe nestes días.
Só por convidarme a participar nese proxecto, Baldomero merece o meu público recoñecemento e agradecemento, pero ademais diso agasalloume coa súa amizade e coa súa elocuencia desde aquel primeiro encontro.
Sint tibi mare et aeternitas leves, agora que xa descansas na infinidade dese mar que tanto che gustaba.