Réquiem pola capela desaparecida de san Nicolás de Xornes

Nada queda de la ermita construida sobre los restos del castro Mirado

Enigmático penedo con covas, unha cruz e outras marcas.
Enigmático penedo con covas, unha cruz e outras marcas.

A construción dunha capela para cristianizar un castro constitúe un dos patróns explicativos máis recorrentes para entender a nosa paisaxe cultural, segundo puidemos ler hai uns días nestas páxinas. A capela vimiancesa de San Bartolo coroa un posible asentamento castrexo ou altomedieval. A propósito desta conxunción castro-capela, queremos rescatar hoxe do esquecemento unha pequena parte da intrahistoria dos fregueses de san Xoán de Xornes, en Ponteceso.

Nos Libros de Fábrica parroquiais consta unha «ermita de San Nicolao que está en términos de dicha en el castro Mirado, distante de dicha iglesia grande trecho». Era o ano 1678. Do ano 1885 sabemos que Josefa Fernández Lema, veciña de Xornes, pagou o ferrado de trigo ao que estaba obrigada tódolos anos por unha misa de fundación que debía aplicarse a San Nicolás o seis de decembro, fundada sobre a finca que posuía na Agra de Paizás, aínda hoxe chamada así. No Libro de las missas aniversarias, o párroco escribe no tocante ás do mes de decembro: «Hay en este mes una missa, que se dice estar fundada sobre la leira do Brañal, que llaman de San Nicolás, sita en la agra de Painças; el día del Sto. Glorioso yo por lo menos digo misa. Diçen fue della el Castro Mirado, en donde esta dicha capilla es también del santo, y por él, mientras estuvo cerrado y circundado, me pagar on dos ferrados». No apartado Capillas y hermitas infórmase de novo da «hermita del Glorioso San Nicolás en el Castro Mirado, distante de la Iglesia della un buen trecho, y en un monte alto, iermo, que pareçe ser muy antigua». O documento sinala que non se sabe quen foi o seu fundador.

Moi interesante, para constatar a prolongada agonía do noso patrimonio, son as observacións do crego verbo do deterioro do «Castromirado, que está çircundado de muro, y por él se pagaban dos ferrados de trigo al cura, mientras estuvo en pie dicho muro y çerrado dicho castro, y ahora hace años no lo está, por ser muy costoso el hacerlo». Certa preocupación amosa polos bens materiais da Igrexa: «E yo mientras se pagaron los dos ferrados de trigo por el dicho castro dixe dos [misas] aplicadas según intención del fundador. Y además dello le hiçe retejar y puse unas puertas con su çerradura a mi costa».

Santo pouco arraigado

Só dez parroquias en toda Galicia presentan a advocación de san Nicolás ou Nicolao de Bari, un culto relativamente tardío aquí. Bispo de Mira en Asia Menor (actual Turquía), patrón de Rusia, en Oriente é o santo máis venerado, despois de María. Xeneroso cos pobres e marxinados, eríxese en padroeiro de múltiples profesións, como navegantes, comerciantes, panadeiros, canteiros, tecedores e un longo etcétera. Pero é sobre todo coñecido polos nenos pois el é o mesmísimo Santa Claus, celebrado o 6 de decembro. Non hai constancia de que a imaxe do santo, no proceso de ruína progresiva da capela, fora baixada á parroquial, que era o normal. En Xornes tampouco queda hoxe memoria de tal imaxe. Sabemos tamén dunha capela dedicada a san Nicolás no monte Nariga en Malpica, tamén desaparecida.

Outros cultos de Xornes non correron mellor sorte: nada queda da capela de santo Antonio de Padua en Vilar de Guisande, xa no linde coa parroquia de Buño; nada da devoción a san Rosendo na capela do Pazo da Fonte, pero si o fermoso retablo pétreo grazas ao celo restaurador dos propietarios actuais. O dono desta Casa de la Fuente, don Manuel García Pan y Aldao, veciño de Compostela, tiña «muy decente» esta capela en 1817, cando pasa revista o visitador eclesiástico. Non estrañe a devoción a san Rosendo, padroeiro de Mondoñedo: Xornes pertencía a esta diocese e ao arciprestado de Camariñas.

Rica toponimia e folclore

¿Que pervive no século XXI desta capela e advocación de san Nicolao? Nada, absolutamente nada. Por perder, perdeuse ata o topónimo, pois ninguén coñece o termo castro Mirado, ou Murado, segundo pode interpretarse nalgún escrito, cremos que por erro de quen escribe, mais quen sabe se podería aludir ao feito de estar rodeado por un muro do que aínda quedan evidencias. Hoxe os veciños falan do Castro Redondo, e un tríptico turístico chámalle Castro do Cura, pois o espazo é propiedade eclesiástica. Moi significativo é o nome Roma que se lle da á chousa anexa ao castro, onde se atopa a fonte, elemento vital para calquera poboado e da que aínda fai uso a veciñanza. Algún fregués fala incluso do castro de Roma e da capela de san Román, que debe de ser unha confusión do informante, por contaxio de Roma, topónimo moi vinculado a espazos castrexos por seren os romanos habitantes míticos dos nosos castros, como os mouros, cartaxineses e fenicios.

Non carece de folclore popular o castro. Apúntase que alí «viviron os mouros» e que «facían comercio, vendían cousas, tiñan cazolas de barro redondas»; e un veciño xa octoxenario de prodixiosa memoria di que «viviron os romanos, que vixiaban toda a costa durante a guerra». Varias persoas consultadas recordan ter visto pedras moi feitas, gravadas, escritas ou pintadas con números; moitas, tiradas a rolos monte abaixo, foron aproveitadas para outros fins.

Enigmático penedo

Nomes, lendas e restos arqueolóxicos non esgotan os valores culturais deste asentamento castrexo de Xornes. No cumio do recinto, desde o que se contempla gran parte da parroquia e o mar de Malpica, preto do lugar que pensamos ocupou a capela e no que aínda se ven pedras de certa feitura, un penedo ofrece coviñas con sulcos, unha cruz e unha suxerinte forma esculpida que parece unha faciana. Non foi Xornes área de canteiros, aínda que podemos interpretar estas intervencións na pedra como obra deles, as típicas cuñeiras para quebrar a rocha. Ou quen sabe se responden a outros propósitos, sacros ou simplemente lúdicos.

En fin, o castro Mirado -¡recuperemos este fermoso topónimo!- constitúe un espazo simbólico de grande interese pola súa riqueza cultural e etnográfica. A Asociación de Veciños de Xornes podería poñer en valor este enclave, como se fixo en 2013 co castro de Niñóns por iniciativa de Manuel Gago e Xurxo Ayán, para recuperar o que durante séculos foi: un lugar da memoria colectiva.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

Réquiem pola capela desaparecida de san Nicolás de Xornes