O padriño da Terra de Sena

CARBALLO

26 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

TAs campás da Xunqueira soan a morto. O son fúnebre espállase sobre a tona da auga maina da ría que baña a Terra de Sena. O seu valedor entregou o seu último alento. Os ollos de mirar profundo de Baldomero Cores fican para sempre na memoria dos que o coñeceron. Ese fitar sabedor e comprensivo de quen sabe que o coñecemento sempre debe estar ao servizo dos demais.

Xornalista, avogado, escritor, catedrático, letrado, historiador,... Era tantas cousas e todas tan boas que é difícil poñerlle lindes ao seu fecundo labor. Amable, bonachón, comprensivo, nunca tiña un non para turrar cara o progreso. Era coma un vello druída de pelos albos que sempre andaba laborando saberes. Foise o padriño da Terra de Sena, en realidade o padriño de toda a cultura da Costa da Morte.

Que frescos e novidosos seguen resultando o seus vellos artigos. Lamentablemente, querido mestre, a esta bisbarra continúan a propinala coa desatención de sempre. Niso nada cambiou co paso do tempo. Dos teus tempos, que son moi actuais e moi futuros. Sempre soubeches ver por enriba do presente.

Cee queda sen o seu cronista máis glorioso, pero a Costa da Morte enteira queda sen un referente de mente clara y proxección universal. Adeus, amigo, xa non podo esperar o teu próximo discurso, en letras ben grandes, como adoitabas facer, para que o garde entre os meus tesouros.