«Nos dolmens o sol ten relación coa vida, pero tamén coa morte»

CARBALLO

José Manuel Casal

Expertos en arqueoloxía e física analizarán o megálito no solsticio de inverno

17 dic 2014 . Actualizado a las 09:26 h.

A Ángel Eiroa (Borneiro, municipio coruñés de Cabana de Bergantiños, 1976) pregúntanlle moito estes días cal é a relación que pode gardar un dolmen co solsticio de inverno que está ás portas, ese tempo no que o día empeza a medrar e a noite a encoller. ¿Por que están orientados boa parte dos dolmens cara o leste, parece que cara a recepción do primeiro raio de sol desa nova estación? Eiroa, Lito como lle chaman os coñecidos, é o guía do dolmen de Dombate, a catedral do megalitismo de Galicia, situada en Cabana, na mesma parroquia onde el naceu. Estes días, o Centro Arqueolóxico vai acoller as xornadas Dombate das ciencias, para conmemorar o solsticio. Cando Ángel era un neno, a súa mestra Blanca levábaos de excursión de fin de curso ao megálito, por máis que vivisen ao lado. ¿Quen lle diría a este licenciado en Historia que acabaría sendo o seu traballo?

-Xa os antepasados tiñan que saber para buscar que ese primeiro raio petase na cámara do dolmen, se realmente iso facían.

-Seguramente había algunha persoa que se fixaba no sol, en que nalgún momento do ano os días empezaban a medrar. Coma se renacese. Cambiaba o ciclo agrícola. Todo quedaba paralizado, viña o inverno, parece que a partir do 21 de decembro mudaba todo. Pénsase tamén que era un día importante para os rituais. Hai ademais especulacións con que os dolmens se construían nesta época, que é cando tiñan tempo para facelo. Nos dolmens o sol ten relación coa vida, pero o curioso é que tamén a ten coa morte. Lin algunha teoría sobre que ese renacemento do astro e esa orientación relacionábase cun suposto renacer, noutra vida, da xente que estaba enterrada neles. Rizando o rizo, nalgúns onde se conservan ósos, en moitas das sepulturas os corpos estaban en posición fetal, como se nacía. Aquí, arredor do megálito, atopáronse tres fogueiras: pénsase que tiñan relación cos rituais funerarios e relacionados co sol.

-¿Cada vez hai máis interese por aquí na arqueoastronomía?

-Si. Pasa tamén cos petróglifos, porque son cousas que aínda teñen misterio, das que se poden facer interpretacións. Dombate non se presta para vir ver ese primeiro raio, porque ten a porta pechada, a lousa de pedra quedou así despois do seu último uso, hai máis de 5.000 anos. Pero dá xusto nela. Os arquitectos do actual edificio, de feito, puxéronse de acordo en que o sol non se podía illar do dolmen: aínda que estea dentro dun inmoble, deixaron unha cristaleira, para poder ver así a posta e a saída.

-E se o domingo queremos ver ese primeiro raio... ¿Cando?

-Diría que sobre nove e media-dez da mañá. Non é só o domingo, tamén os anteriores. Se te fixas coincide con cando se comeza a celebrar o Nadal. A relixión cristiá, de feito, tomou moitas cousas das anteriores. Vían que ao costume da xente era adorar o sol... ¿por que ían dicirlle que non? Sería un cambio brusco. Adaptábano ao culto. Penso que non hai ningunha relixión na que o sol non estea presente e vexo moi respectable celebrar os solsticios: en Irlanda fano centos de persoas co do verán. É unha forma de experimentar sensacións diferentes, de mirar para o entorno que temos, cousas que tes aí e ves todos os días. Seguramente na prehistoria se fixaban máis na natureza ca nós.

Ángel eiroa guía de dombate, en cabana