O primeiro premio dos Contos de Nadal volve ó colexio Manuela Rial

carballo / la voz

CARBALLO

O xurado escolleu «Reis», de Laura Cambeiro, alumna de 3.º de primaria

14 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O certame Contos de Nadal organizado por La Voz de Galicia e Radio Voz Bergantiños e patrocinado pola Fundación EDP Renovables a través da súa Fundación, xa ten gañadores. Nesta undécima edición do concurso, o primeiro premio volve ir para o colexio Manuela Rial Mouzo de Cee. A autora do conto que acadou a maior puntuación é Laura Cambeiro Martínez, alumna de terceiro de Primaria. A pequena fala no seu texto de Reis, unha nena durmida nunha barca de pedra a carón da vila de Muxía. Reis é, precisamente, o título do seu traballo. O segundo premio do certame acadouno un estudante de nove anos do colexio Vilarmide de Muxía co conto A Ferradura: trátase de Martín Liñeiro Iglesias. O encaixe de escuma do Nadal é o título do terceiro conto galardoado, da autoría doutro alumno do Manuela Rial ceense: Rubén de Ramón Ayala, de terceiro de Primaria.

Os autores destes tres contos recibirán senllos premios na entrega de galardóns que terá lugar o vindeiro sábado pola mañá, día 20, no dolmen de Dombate, en Cabana, pero ademais os sete seguintes que acadaron maior puntuación (pódense consultar na táboa inferior) tamén recibirán un diploma polo seu traballo literario. O xurado, integrado polo profesor e historiador Luís Giadás; o guía en Dombate Ángel Eiroa; o delegado de La Voz en Carballo; Xosé Ameixeiras; e os xornalistas Manuel Rial (Radio Voz Bergantiños) e Patricia Blanco (La Voz de Carballo), tivo que elixir entre 196 traballos chegados de once colexios da comarca: Vilarmide e Os Muíños (Muxía); CPI de Zas; Eugenio López e Manuela Rial Mouzo (Cee); Bormoio-Agualada e Canosa-Rus (Coristanco); A Cristina, Gándara-Sofán e Artai (Carballo) e, finalmente, o CPI As Revoltas (de Cabana).

As dez obras seleccionadas polo xurado poñen de manifesto a capacidade de imaxinación dos nenos, aínda que nalgún caso vencellada a acontecementos que marcaron o día a día da comarca, como pode ser Un agasallo pendente, que fala da traxedia do santuario de Muxía o día de Nadal. Non son alleos tampouco á nosa paisaxe -O encaixe da escuma de Nadal é un conto que transcorre na illa Lobeira-, nin tampouco a algunha das situacións presentes na actualidade: deste xeito, Nadal triste fai referencia á distancia de ter un pai na emigración, mentres que O Nadal de Florinda fala de maiores que pasan o Nadal sós e A aldea perdida, de vivir nun lugar apartado.

Os dez contos seleccionados polo xurado son:

Primeiro Premio: «Reis» (Laura Cambeiro, colexio Manuela Rial-Cee)

Segundo Premio: «A Ferradura» (Martín Liñeiro, Vilarmide-Muxía)

Terceiro Premio: «O encaixe de escuma do Nadal» (Rubén de Ramón Ayala, Manuela Rial Mouzo-Cee)

Cuarto: «Un agasallo pendente», de Irene Ramón (colexio Manuela Rial Mouzo-Cee)

Quinto: «Nadal triste», de Xiana Pose (Vilarmide-Muxía)

Sexto: «A maxia do Nadal»: Ainoha Trillo (Manuela Rial)

Sétimo: «Boliña e a miragre do Nadal»: Daniela Alves (colexio Manuela Rial Mouzo)

Octavo: «O Nadal de Florinda», de Sarai Baldomar (colexio Manuela Rial Mouzo)

Noveno: «A aldea perdida»: Noé Souto (As Revoltas-Cabana)

Décimo: «Pulguiña pérdese»: Aroa Haz (Vilarmide-Muxía)