«Pretenden minarme moralmente e non o van conseguir»

M.R. / C.V. carballo / la voz

CARBALLO

SANTI GARRIDO

Ao acoso que denuncia, Xan García Pouso, secretario de Neria, súmalle a falta de cartos

10 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

As redes sociais ferven de comentarios en torno á asociación Neria. O secretario, unha exempregada e un medio de comunicación aparecen enredados nun caso que chegou ata o cuartel de Vimianzo. Xan García presentou unha denuncia por danos á súa integridade moral. Mestúranse aquí accións moi próximas ao chantaxe, cartos e mesmo referencias sexuais. A cuestión xa ven dende febreiro, pero agora estalou con virulencia, posto que se lle engade a mala situación económica na que se atopa a entidade.

Xan García Pouso, secretario da asociación Neria, falou onte en Radio Voz Bergantiños sobre o motivo da denuncia que presentou no cuartel da garda civil de Vimianzo e a situación da entidade supramunipal. Foi unha entrevista que provocará polémica, porque García Pouso dá a súa versión da situación con moita pasión e sinceridade e destapa formas de actuar, cando menos, un tanto criticables.

-¿Por qué presentou a denuncia?

-Desde primeiros de ano estou recibindo mensaxes, son ameazas veladas, pero eu estou convencido de que a persoa que os manda manexa documentación de Neria e información interna. A finais do ano pasado borrouse un ordenador dunha ex empregada, foi naqueles días que a despedíramos e desapareceu tamén unha caixa coas chaves. Eu pensei que era un extravío, pero agora, nas mensaxes fan referencia ás chaves. Por iso decidinme. Non quería sacar ao público estas cousas, porque sempre son complicadas e o que fan é salpicar a todo o mundo, pero en vista das circunstancias pois fun presentar a denuncia no cuartel.

-¿Cando pensou en facelo público?

-En vista de que nalgún medio radiofónico estase terxiversando, dicindo mentiras e calumniando, metendo, como se di vulgarmente, merda sobre as persoas, decidín facelo público. Agora vou presentar unha querela contra a ex empregada de Neria que o outro día me acusou dunha serie de cousas que son mentira. Ella estivo involucrada tamén nun vídeo, parecer ser, de carácter sexual co cal eu tiven que soportar durante máis dun ano acusacións, unhas veces veladas e outras veces opinións despectivas, porque dicían que eu estaba involucrado nesta situación. Esas acusacións saían do entorno desa ex empregada. Levo algún tempo pasando mal, realmente, porque estanme provocando constantemente. Cando me cruzo co coche con esa persoa faime xestos despectivos. Chega un momento que un estala e por iso decidín poñelo en coñecemento da Garda Civil. Ademais, hai algún medio que aproveita estas circunstancias para intoxicar e envelenar.

-¿Que cree que pretenden?

-Pretenden minarme a min moralmente, o que non van a conseguir. Eu creo que sae das súas amizades, dos seus ligues, das persoas que a rodean. Estou convencido que sae de aí. Ou é unha moi mala persoa ou ten un certo desequilibrio. Creo que é unha obsesión, viven para iso, están tódolos días... Observo que me seguen. Se estou nun lado aparece unha mensaxe, se estou noutro, outra... É unha verdadeira obsesión. Hai xente que estivo 20 anos traballando, que era auxiliar administrativa e que gañaba 1.935 euros ao mes, que fixo o que quixo case sempre.

-¿Que ocorre?

-Aquí mestúranse moitas cousas, a persoa afectada e as que a rodean, os amoríos, seguramente sexo. O que se pretende é enmerdar Neria, cargarse Neria e como eu son o secretario, son o que levo traballando moitos anos... É unha vez máis seguindo as directrices de determinado medio radiofónico que me ten vetado e non me permite que me poida defender.

-¿É cuestión de cartos?

-É moi difícil ser honesto é cando un medio de comunicación te pide firmar un convenio por 15.000 ou 20.000 euros e simplemente lle dis que non, que é un escándalo, automaticamente os tes en contra. Cando hai alguén que te di que por unha páxina web e por xestionala durante un ano quere 100.000 euros e lle dis que está tolo e que é un roubo, ben... Estes son corruptos todos, viven de pelotazos, de dar mordidas e cando chocaron con Neria e viron que non había maneira de entrar, puxéronse en contra e claro, non hai inimigo pequeno.

-¿Cal é a situación real de Neria en materia económica?

-A situación do C3M é a mesma que a da Casa da Cultura de Cee ou a da autovía. Neria está no mundo e somos vítimas da crise que hai ao cortarse as axudas, posto que había unha serie de cuestións planificadas. Neria tiña persoas que estaban subvencionadas pola Xunta e logo vai, sexa por unha cuestión política ou por outras, e pecha a billa e non podes desenvolver unha serie de actividades que tes previstas porque estás sen persoal. O que pasou é que unha empregada de Neria chegamos ao acordo de pagarlle 24.000 euros, pagamoslle 14.000, de despedomento. Dixémoslle que agardara, que non tiñamos liquidez. Nós levámoslle as contas ao xuíz, auditadas, demostrando que non tiñamos liquidez e decretou a insolvencia para que esa persoa puidera cobrar de Fogasa. Esa é a circunstancia.

-¿A quen máis lle deben cartos?

-A dúas empregadas e ao Ministerio, polo convenio que temos, a algún provedor e ao contratista da obra tamén. Estaba todo planificado, pero si te afogan, si te boicotean... Reducindo gastos pódese tirar cara adiante e hai dúas opcións, ou ben as Administraciós fan un esforzo para que cheguen os cartos que nos deben para ir pagando pouco a pouco á xente, ou que a Deputación e os concellos, mediante un acordo, se queden coa propiedade, pero abrir implica meter a tres ou catro persoas a traballar e con qué lle pagas... Salvo que veña a Xunta e subvencione esa xente dentro do plan de emprego. A obra está lista, valorada en 800.000 euros. É un edificio magnífico que pode ter a Deputación como ten as Torres do Allo e pode cedelo ao Concello de Cee. Se os políticos da comarca cren que Neria non fai falla para nada, que a desfagan igual que a fixeron.

-Pero en varios foros dise que hai unha anotación preventiva de embargo da construtora.

-Nós firmámoslles os pagarés. A construtora cobrou xa 104.000 euros do contrato que tiña, fixo máis obra, firmámoslles os pagarés contando que virían os cartos, non viñeron e executounos. Iso é o normal que pasa en todas as empresas do mundo.

-¿Cantos cartos manexaron en Neria?

-Non o sei de memoria, non fixen a conta, pero na prensa falaban de 19 millóns de euros. Eu sei que o Leader 2 e o Leader Plus era cada un deles unha subvención 600 millóns de pesetas (3.606.073 euros), pero nós conseguimos que o investimento fora de 2.400 millóns de pesetas (14.424.291 euros) ou algo así. Conseguimos que se involucrara o sector privado e na valoración que se fixo despois foi un dos mellores de Europa. Despois veu o Equal, dedicado a xente discapacitada e o de prevención de drogas, que eran 38.000 euros ao ano. Non é que recibiramos tantos cartos, é que houbo moi boa xestión.