Manuel Rivas cativou cos seus contos ao público do Couto

Á. P. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

José Manuel Casal

A música tomou onte a nova biblioteca de Carballo e o recinto de Dombate

27 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A presenza onte pola tarde de Manuel Rivas na vella reitoral do Couto (Ponteceso) fixo que o público asistente ao Simposio Pondaliano crecese en número e que aos profesores se lles sumasen outras moitas persoas desexosas de escoitar de preto ao escritor e xornalista.

Nin uns nin os outros quedaron decepcionados posto que Rivas fixo gala da súa faciana máis desenfadada e divertida para poñer en escena aos personaxes do seu libro O raposo e a mestra logrando ademais que todos os presentes se convertesen en nenos por un anaco para seguilo nunha aventura secundada musicalmente por Ce Pantasma.

A música proseguiu despois no Couto, unha vez que Rivas firmou unha morea de libros, con Fernando Fraga, o director da Escola de Música de Cee que interpretou varias pezas do seu novo disco, Folcromías.

Tamén houbo música noutros dous puntos da bisbarra. No recinto arqueolóxico de Dombate (Cabana) os gaiteiros do Centro Coreográfico Galego ofreceron unha interesante clase mestra, e na biblioteca Rego da Balsa, de Carballo, Xabier Díaz pechou o seu obradoiro de nanas cunha nova demostración do poder dos cantos de berce para a que contou nesta ocasión coa colaboración de Guillerme Fernández. Hoxe, pola biblioteca pasará Yolanda Castaño co seu poemario A segunda lingua (19.00).