Pescadores de augas revoltas

Xosé Regueira

CARBALLO

26 nov 2014 . Actualizado a las 05:10 h.

Houbo que suspender o pleno ordinario do luns, tomado pola xente propietaria de vivendas baleiras a berros que, comandad@s por TeGa e PP, se negan a pagar o lixo. Non sei que opinarían as plataformas de STOP Desafiuzamentos e da PAH se viñeran por Carballo. Mentres a xente se rebela contra despoxos como o da señora de Vallecas de 85 anos, á que lle rouban a súa única vivenda e os seus recordos, en Carballo arredor dunhas 150 persoas propietarias de varias vivendas, nalgús casos ducias, desestabilizan a normalidade democrática para manter privilexios. E seguro que a casta somos nós.

O servizo de recollida de lixo é de recepción obrigada; é dicir, hai que pagalo utilícese ou non. Tamén se paga a sanidade aínda que non se vaia na vida ao centro de saúde. O Concello ten obriga de poñer colectores e ter servizo de recollida polo número de vivendas de alta no IBI, estean ou non ocupadas. Se o custe do servizo -o de Carballo é dos máis baratos de Galiza- non o pagan a totalidade das vivendas (ocupadas ou non), terán que pagalo só as vivendas ocupadas, coa correspondente e considerable subida dos seus recibos.

En poucas palabras: as vivendas ocupadas pagarían un servizo que ten un custe real calculado pola totalidade de vivendas de alta no IBI, viva xente nelas ou non. As sentencias dos tribunais son claras, e os informes dos servizos técnicos do Concello tamén: todo aquel ben que estea de alta como vivenda debe pagar. Mais Andrade e o PP queren pescar en augas revoltas. ¡Total! ¡Que máis lles dá a eles a legalidade ou ilegalidade, a xustiza ou a inxustiza! O que importa é ter xente detrás que faga follón. Con razón ou sen ela.

O resto da sociedade

A min persoalmente, gustaríame ver no pleno ao resto da sociedade carballesa, a real, a maioritaria, esa que defende o correcto e critica o que non o é. Eu realmente bótoa en falta porque será ela que acabe prexudicada se prosperan as presións e algaradas. Sei que fomos elixid@s para os bos e malos momentos, mais faise duro loitar contra situacións así de inxustas. Tíñao que dicir.

Como dicía Castelao, «non vos riades que o conto é triste».