«Cando vin para aquí traía un 600, pero non podía chegar con el a ningunha igrexa»

m. rey / á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

J. M. CASAL

O párroco celebrará mañá cos veciños de San Cremenzo, O Allo, Cundíns e Anos as súas vodas de ouro na comarca

14 nov 2014 . Actualizado a las 17:08 h.

Tras case tres anos en Bergondo, onde foi capelán do Pazo de Mariñán e coadxutor da parroquia, Fidel Fernández Bello (Vilaño, A Laracha, 76 anos) chegou no ano 1967 ás parroquia zasenses de San Cremenzo de Pazos e O Allo. Co tempo, en troques de cambiar de aires, foi sumando territorios e facéndose cargo tamén de Anos (1974) e Cundíns (1988), en Cabana, e involucrándose de xeito activo na vida social, económica e cultural da zona. Foi secretario do club de fútbol de Baio, presidente da Adro, profesor nos institutos de Vimianzo e Baio e no colexio de Zas, e historiador afeccionado que investigou no pasado das Torres do Allo e de toda a comarca. Para agradecerlle todo ese labor e celebrar tan redonda data os veciños das catro parroquias renderanlle mañá pola tarde un homenaxe en Cabana que concluirá cunha cena.

-¿Que se sinte ao ser obxecto dunha homenaxe así?

-Por un lado estou contento, aínda que para min tamén é bastante embarazoso, pero dá gusto que o fagan porque sei que o fan por ben e por min.

-Calcúlase que van ir sobre cincocentas persoas, así que moitas serán mesmo doutras parroquias.

-Si, porque as catro parroquias son de menos de 100 habitantes. Entre todas andan en trescentos e pouco veciños.

-Sacerdote, responsable de asociacións, historiador... ¿Non parou moito nestes anos?

-Non, pero é que son moitos anos tamén e a min sempre me gustou colaborar alá onde estiven. Ao vir para aquí xa me fixen socio das entidades culturais e veciñais e das cooperativas porque hai que axudar no que se poida. E, ademais, cando non hai xente para facer traballos de representación cóllente e tes que facelo tamén.

-¿Cambiaron moito as cousas desde que chegou?

-Nesta zona moitísimo. Eu vin para aquí precisamente cando estaban empezando as concentracións parcelarias e non había comunicacións practicamente nas parroquias. Cando vin para aquí traía un coche, un 600 daquela, e non podía ir con el a ningunha igrexa; tiña que deixalo sempre a un ou dous quilómetros. Aos catro ou cinco anos xa se foron abrindo camiños e a cousa mellorou.

-¿Que ten San Cremenzo que todos os párrocos que pasan por aí quedan moitos anos?

-Así é. Os últimos catro párrocos botaron toda a vida. Eu cando vin non contaba botar tanto tempo porque eran parroquias pequenas e normalmente a xente vai cambiando para outras máis grandes, pero o arcebispo nunca me dixo nada de cambiar e eu atopábame a gusto aquí así que fun quedando.

-Pero, aínda que ten botado media vida entre Cabana e Zas tamén ten viaxado e mesmo seguiu as pegadas de Castelao pola Bretaña francesa.

-Iso si, porque sempre me gustou viaxar e de vez en cando, unha vez ao ano, gústame ir por aí quince días ou un mes. Ademais, gústanme os viaxes culturais, coma ese da Bretaña francesa. Agora mesmo, en outubro, estiven en Burgos vendo o avance das escavacións en Atapuerca, onde xa estivera hai dez anos, e no novo museo que fixeron na cidade. Tamén fun a Aranda del Duero onde hai unha exposición de arte sacro.

-¿Como ve a situación actual da zona?

-É complicada por esta situación de crise na que estamos. Antes había máis saídas que agora, pero a xente de aquí aspira a mellorar e non lle importa sacrificarse.

-¿Como vai ser o acto do sábado?

-Eu só sei o plan xeral, pero polo miúdo non sei como vai ser a cousa porque iso lévano as asociacións de veciños. O único que propuxen pola miña banda é que quería facer unha eucaristía antes da cea e diso si que me ocupo directamente. Dixéronmo que haberá algunha sorpresa pero nada máis.

fidel fernández bello sacerdote

«Sempre me gustou colaborar alá onde estiven»

«O arcebispo nunca me dixo de nada de cambiar e como me atopaba a gusto fun quedando»