«Ponteceso está moi presente no meu xeito de ver a literatura»

A autora participará esta tarde nunha nova sesión do Simposio Pondaliano


carballo / la voz

Libros como Resistencia, Sol de inverno, Ás de bolboreta ou a triloxía Ámote Leo A. e os moitos premios recibidos avalan a traxectoria da escritora e xornalista Rosa Aneiros (Meirás, 1976). Hoxe (ás 18 horas) visitará O Couto (Ponteceso) para compartir cos participantes no Simposio Pondaliano algunhas lembranzas literarias.

-Foi convidada a falar da literatura galega actual, pero parece un eido demasiado amplo e xeral para unha charla.

-En realidade non vou falar nada da literatura galega actual; xa lles vou dicir que é algo que me queda un pouco grande [ri]. Ademais, parte do auditorio son profesores que probablemente terán unha maior visión da literatura galega actual ca miña, porque eu formo parte dese tecido e así é máis difícil ter distancia. O que vou facer é mostrar unha visión persoal, pero non tanto da literatura galega actual, que o deixarei para a parte de preguntas, senón que elaborei un texto de creación literaria, do que significa para min a literatura e de como escribo e por que escribo, e con referencias a Ponteceso.

-¿E que significa para vostede a literatura?

-Mostrareino a través dun xogo literario porque cando me convidaron a ir pensei en Ponteceso e o primeiro que me veu á cabeza foi unha excursión que fixen co colexio, en EXB, e o que fixen foi ver como recreei a través dos anos e de distintos textos ese recordo de Ponteceso, moi vinculado tamén á novela de Manuel Rivas En salvaxe compaña, que non está ambientada estritamente alí, pero que eu sempre relaciono con ese intre e ese lugar, onde o bus apenas xiraba na ponte e a mestra nos dixo esa é a casa onde vive o poeta. A partir de aí, do que despois souben de Pondal e das lecturas doutros autores é como Ponteceso vai aparecendo non tanto nos meus textos senón no meu xeito de ver a literatura. Teño estado máis veces en Ponteceso, pero sempre me quedou a pegada daquela primeira vez e por iso, ao haber moitos profesores no auditorio, falarei tamén da importancia da literatura e de como eles deben ser capaces de promover a lectura entre os nenos e as nenas. En cando penso que esa lembranza infantil que quedou tan fortemente en min como lectora penso que é polos profesores e profesoras que me inculcaron o pracer da lectura.

-¿O feito de que os seus últimos libros estean dirixidos ao público xuvenil pode entenderse coma un intento tamén de facer canteira?

-Son un público extraordinariamente crítico porque teñen moitos menos prexuízos para moitas cousas e están nunha época fascinante, unha época de descubertas no que todo se multiplica. O entusiasmo que atopei en lectores e lectoras novas moitas veces non o atopei nos adultos. Son un público moi agradecido e é fascinante escribir para eles; non hai grandes diferenzas en como escribes para adultos, pero si en como eles o reciben. Aparte, eu creo que a literatura xuvenil ofrécenos moitas armas para mudar o mundo en certa maneira.

-¿As visitas aos centros escolares e o contacto directo con eses novos lectores inflúen dalgún xeito na súa escrita?

-Non se trata de influencia; escoito moito e aprendo moito, pero ao final non acaba influenciando na obra porque de feito unha das grandes pégas que me poñen sempre todos os rapaces e rapazas son os meus finais, que son sempre bastante abertos, e sígoos facendo iguais porque si creo que moitas veces estamos creando lectores aos que lle damos todo masticado, todo feito, e eu son das que cren que teñen que traballar como lectores para a construción dese espazo e dese imaxinario propio. Iso é importante tamén.

-Hai uns meses leu o manifesto do clúster de produtores e editores en defensa do libro impreso. ¿Como ve o seu futuro?

-Eu creo que haberá distintos camiños: o libro científico e técnico, todo o que sexan manuais e libros de consulta, pode que acaben sendo dixitais, pero os vinculados ao pracer do obxecto literario seguirá sendo impreso, ese non morrerá. E a xente nova por agora aínda non está metido tanto no libro electrónico, aínda non deu ese paso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

«Ponteceso está moi presente no meu xeito de ver a literatura»