Unha homenaxe ás mulleres da raza de Breogán

luís giadás

CARBALLO

08 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

En contra do que soe aparecer na maioría das publicacións, houbo moitas mulleres da provincia coruñesa que salientaron en traballos tradicionalmente reservados aos homes, co mérito engadido de ter que compatibilizar estes traballos coa crianza dos fillos, en moitos casos coa responsabilidade de ter familia numerosa.

Xa non falemos de María Baña Varela, de Cabana de Bergantiños, que, con oito fillos, igual vendía peixe polas aldeas que froita polos portos ou que traballaba a xornal e que, aprendendo a ler por si mesma, foi quen de pasar ao papel os poemas propios que gardaba na súa memoria; ou de Asunción Antelo Suárez, a rexoubeira de Bergantiños, tallista, oleira e canteira, quen, mentres coidaba o gando, fiaba no liño ou sachaba na leira, escribiu poemas.

Chega con ler o interesante traballo Mulleres significativas de Camariñas e admirarse con María Barcia Gerpe, casada cun mariñeiro e nai de nove fillos, obreira nunha conserveira e empacadora de peixe naquel porto, que, ademais, era tan boa parteira que o médico do lugar encargáballe os partos difíciles, remunerándolle con tres mil pesetas (que xa eran cartos na posguerra!).

Empresarias

Outro de tantos exemplos que poderiamos enumerar témolo na Ría de Muros/Noia, onde Teonila Pérez Fernández, á altura de 1928, fixo medrar a empresa armadora do seu home en catro barcos máis e, a maiores, montou unha fábrica de madeira, levando táboas a Vigo e Andalucía e construíndo, entre outros navíos, o Pedra Sartaña, que aínda hoxe fai roteiros turísticos. Todas estas actividades realizaba Teonila, namentres criaba dez fillos.

Máis aínda: Isabel Mestre López, natural de Boiro e viúva dun avogado, tiña na súa tenda dende tecidos ata caixas de defuntos e ferraxes; contaba cunha fábrica de gaseosas e outra de madeiras, compraba ovos que exportaba a América e incluso abriu un cinema, que ela mesma administraba. Non nos estrañe que chegara a enfermar de tanto traballar!

A loita obreira na Coruña

Exemplo do pasado: os obreiros coruñeses conseguiron a xornada laboral de oito horas diarias polo verán trinta anos antes que a maioría dos españois e a conseguiron porque os albaneis das galerías, que tanto personalizan á cidade, e os metalúrxicos, que elaboraran o forxado daquelas mesmas galerías, resistiran dous meses de folga, aló polo 1890.

Mais? como soportaron dous meses sen cobrar o xornal? Porque as súas mulleres traballaban na fábrica de mistos do empresario Zaragüeta (estaba detrás do que hoxe é a Basílica de San Pedro de Mezonzo) ou na fábrica de tabacos, a cal ocupaba a 4.000 operarias, o 13 % da poboación coruñesa daqueles anos finais do S. XIX.

Unha historia de libro

Non en van, Emilia Pardo Bazán converte en protagonista da súa novela La Tribuna a Amparo, unha cigarreira revolucionaria. As cigarreiras, socialistas e promotoras da súa Casa do Pobo (o edificio das chaconeras, en Catro Camiños), serán xunto coas estibadoras do porto, anarquistas (as cales inmortalizara a cámara fotográfica de Manolo Ferrol, carrexando os baús dos emigrantes), a columna vertebral do sindicalismo herculino.