O Simposio Pondaliano viaxa hoxe a Irlanda na compaña de Xurxo Souto

carballo / la voz < / span>

CARBALLO

05 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo da xornada inaugural, que foi o sábado e a cargo dun dos maiores expertos en Pondal, Manuel Ferreiro, o Simposio Pondaliano celebra hoxe (18 horas) un novo día de cultura. Dende a sede da Fundación Pondal, en O Couto (Ponteceso), viaxarán (metaforicamente) os asistentes ata Irlanda, e farano da man dun home que ten moito vencello coa comarca. É Xurxo Souto: el vén dar unha conferencia que leva por título A verde Erín, mais de seguro que na charla tamén sairán algunhas das historias que reúne nun volume recentemente publicado, e que leva por título Contos do mar de Irlanda. Con el percorreu varios puntos da Costa da Morte este pasado verán.

As actividades do Simposio Pondaliano, un encontro arredor da figura do bardo, pero indo moito máis alá diso, están abertas a toda a poboación. A intervención de Xurxo Souto non será a única actividade preparada para esta tarde, dado que logo del abordarase un exemplo de boas prácticas literarias. Diso encargarase o instituto de Guitiriz, que falará da súa experiencia con O ano de Xosé María Díaz Castro. A este poeta, cunha obra na que está moi presente a terra como natureza mesma, dedicóuselle este pasado 17 de maio o Día das Letras Galegas.