Las Grotesqués, merecedoras dun grande aplauso

josé maría de la viña

CARBALLO

Ana Garcia

«Final feliz, tanto para o texto, como para a representación da obra»

28 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

¡De lado a lado! ¡Un sorriso de lado a lado! Non se me escapou o sorriso da miña cara en toda a obra, que xa é dicir. Seguramente non gañarían o primeiro premio de teatro nun concurso a nivel nacional. Pero o que pretendían, que era coller un texto clásico de Shakespeare, Mucho ruído y pocas nueces, e reinterpretalo cunha linguaxe moderna e comprensible, iso, abofé que o conseguen...

Un par de horas antes estivemos varias persoas, no Café con, falando con elas tres, buscando claves para o que iamos ver. Despois de falar coas actrices (por certo son de Madrid, non de Andalucía, como di no programa), tocaba agora ver aos personaxes. E realmente cumpriron o que prometeron. Xa debe ser a terceira ou cuarta obra do teatro clásico neste FIOT, que vén a ser deconstruído, volto do revés, reexplicado. Pero as experiencias anteriores, a min resultáronme fallidas, por motivos que xa vos expliquei. Non é o caso destas tres rapazas que se atreveron con outra obra de William Shakespeare, a famosa (pola digna versión cinematográfica) Mucho ruído y pocas nueces, considerada pola crítica especializada unha comedia maior, dentro da obra de Shakespeare.

De modo e maneira que cómpre agora comprobar o que son capaces de facer. Contan para ilo, cun escenario sobrio, apenas tres cadeiras rocambolescas, e tres adornos colgantes, pero moi ben acompañados por unha iluminación estupenda, que dá forza a uns movementos maxistrais sobre do escenario (a destacar os movementos), e a uns diálogos exquisitamente coidados; onde a expresión corporal convértese nunha ferramenta importante; un requisito esencial. A banda sonora é tan boa que nin te decatas dela. A pesares da dificultade evidente de dar vida a tantos e tan diversos personaxes (dezanove, dicían), sempre co mesmo aspecto, coas mesmas roupas; sen outra axuda, sen saír do escenario en toda a función; só cambiando os xestos, o ton da voz, e outros imperceptibles recursos, estas fantásticas actrices logran unha interpretación fresca, alegre e sobre de todo moi dinámica, que nos teñen a todos engaiolados todo o tempo.

Con todo este equipo de cousas, transcorre de forma soberbia o tempo escénico. Ese que onte [polo sábado] botei de menos e hoxe non me deixou nin un momento.

Non vos podedes imaxinar ata que punto se respecta a esencia da obra: ese tema romántico de dous namoramentos, dúas parellas home-muller con distintas maneiras de entender as relacións humanas. ¡Vaia combinación! ¡Que grande coñecedor da natureza humana era o escritor inglés! Tódolos personaxes da peza aparecen aquí. E aí está o gran reto: conseguir que o público identifique a cada un deles, polos acenos, formas e figuras debuxadas polas actrices. Notable esforzo, quero eu.

Hala, imaxinación: ¡a traballar!. En segundos os personaxes desfilan diante dos nosos fociños, como se fosen debuxos imaxinarios trazados no aire. Aproveitando o enorme contraste dos personaxes a favor e en contra do matrimonio, este grupo aporta os seus recursos persoais, para crear, unha tras doutra, situacións hilarantes; desenvolvendo, deste xeito, un humor fino e, sobre de todo, elegante. Detéñome a pensar que, curiosamente, sempre que vin a tres mulleres enriba dun escenario, aquela obra, gustárame moito.

Aínda recoñecendo que non sempre eses debuxos dos personaxes quedan claramente definidos, todo o demais é merecedor dun grande aplauso. E iso foi o que recolleron ó remate da función. Pola intensidade dos mesmos, coido que non fun o único a quen gustou a obra. Interiormente, sorrío. Final feliz: colorín, colorado. Feliz final, tanto para o texto, onde todo acaba ben e o malo é escorrentado, como para a representación da obra con ese «No se han enterado de nada...», xusto antes de apagarse as luces do final. Elegantes, estas madrileñas. Moi ben.