«'A tempestade' acaba sendo unha festa para os sentidos»

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

Di que na función importa moito o texto de Shakespeare, pero tamén a música ou a danza

25 oct 2014 . Actualizado a las 05:07 h.

Esta noite toca teatro en Carballo. Logo da entrega do Premio Xograr de Outono a Eduardo R. Cunha, Tatán, prevista para as 21.00 horas, actuará a compañía Voadora (Galicia), coa obra A tempestade. Próspero, duque de Milán, é traizoado polo seu irmán, que o abandona no mar xunto á súa filla Miranda. A familia irá parar a unha illa deserta, mais doce anos despois o azar fará que os traidores naveguen preto desa illa e Próspero provoque unha tempestade... Sobre o escenario do Pazo estará, pois, un texto de Shakespeare, pero moito máis ca iso. Marta Pazos (Pontevedra, 1976) é a directora, estando o reparto está integrado por Hugo Torres, Olalla Tesouro, Fernando Epelde, Diego Anido, Borja Fernández, Guillermo Weickert, Iván Marcos, Sergio Zearreta e José Díaz. Á marxe doutros galardóns, Pazos foi a directora máis nova en acadar o Premio de Teatro María Casares á Mellor Dirección -obtívoo dúas veces, a última delas o ano pasado, por Tokio3-. O xoves estaba en Portugal, pero hoxe estará en Carballo: «Darei un saltiño, embarazada de oito meses», ría ao contalo. A tempestade é unha ambiciosa proposta que hoxe chega á capital bergantiñá.

-¿Que traen con «A tempestade»?

-Levamos un espectáculo divertido, con imaxes esteticamente moi potentes e cun elenco fantástico, reunindo a unha xeración de creadores dos que non é moi usual velos xuntos. A maioría viven fóra e teñen as súas propias carreiras, moito que dicir nas novas dramaturxias. Tardamos tres anos en conseguir todo, porque tiñamos moi claro o proxecto que queriamos, e como queriamos que fose o resultado final desta función. A nivel de produción, chamamos a todas as portas posibles, dende organismos públicos e privados ata micromecenazgo [a través dunha campaña de crowfunding]. Graíño a graíño.

-Parece que funciona moi ben.

-Está funcionando a nivel público e de crítica tamén. Estreouse en xuño no festival Gil Vicente de Guimarães, moi prestixioso a nivel internacional, e que ademais é coprodutor. Logo pasou por festivais de verán, estivo no Fringe de Madrid, o máis arriscado das artes escénicas, e tamén no Clásicos de Alcalá, ademais de en Ribadavia. Encaixa ben dentro en calquera dos ámbitos.

-É un texto de Shakespeare, pero cunha forma de facer moi propia.

-Intentamos achegalo á nosa forma de ver o teatro, aínda que o xogo estaba en ser moi respectuosos co texto [adaptado polo dramaturgo Fernando Epelde e traducido por Manuel Cortés]. De feito, moitas das críticas din que se Shakespeare estivese vivo agora o montaría así. O espectáculo, a obra, acaba sendo unha festa para o espectador e para os sentidos. Dura dúas horas, pero a xente soe ter a sensación de que se acaba de sentar.

-Ten que chegar á xente: fala de amor, morte, culpa, natureza, familia... cuestións que non son alleas.

-Tamén por iso precisamente escollemos este texto, o último que escribiu Shakespeare. É como unha suma de todas as súas obras anteriores, un bocadiño de todos os seus textos, o mellor de cada cousa, como un catálogo shakesperiano. É ademais un texto que fala do teatro dende dentro do teatro...

-Os premios de anteriores proxectos contribúen a ese bo sabor, pese a ser unha compañía relativamente nova, nacida no 2007.

-Vivimos un momento moi doce, con moitísimo traballo e moitos proxectos de futuro. Sabe moi ben recibir premios, é bonito e gratificante, aínda que non traballas para iso. Pero se á xente lle gusta e disfruta con nós, mellor. Cada vez vén máis e incluso repetimos. Por Madrid pasamos catro veces e dicían: «Estes galegos...». Nos tempos que corren iso está moi ben.

-E agora toca o FIOT carballés.

-En Carballo estivemos este ano con Waltz [en febreiro, dentro da programación dos Venres Culturais], e a verdade é que con este festival estamos moi ilusionados e apetécenos moito. Ademais, sabemos que é un público seareiro do teatro.

-Hai moitos elementos: «A tempestade» é máis ca palabra.

-Si, segue a estela da nosa maneira de facer teatro. Na obra xoga por igual tanto o texto de Shakespeare como a música en directo, e de feito a metade dos actores son músicos, ou tamén os compoñentes que ten de danza e de coreografía.

-¿Voadora xa ten en marcha novos proxectos ou de momento está moi centrada nos actuais?

-Temos en marcha un novo espectáculo, unha montaxe do Don Juan de Molière, coa que pasaremos inicialmente polo Festival Internacional de Teatro Acert, en Portugal, aínda que a estrea está prevista para o 27 de marzo do 2015. Participan nela 25 actores sénior, con entre 65 e 83 anos. Estamos xa ensaiando.