«É verdade iso que din do bo rollo entre os actores de 'Serramoura'»

CARBALLO

CEDIDA

Tamén participará como figurante en «Lobos sucios», filme que se está gravando

21 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A serie Serramoura, producida por Voz Audiovisual para a TVG, vén sorprendendo dende hai tres domingos á audiencia. Polos xiros da trama, pero tamén porque un vai descubrindo que hai moita presenza da comarca. A actriz Sara Casasnovas (papel de Mónica Triáns) pasou a adolescencia en Corcubión. Sheyla Fariña, nacida en Tordoia, interpreta a Álex. O lingüista é Chema Rei, de Bamiro. E no segundo capítulo apareceu Marco Antonio Álvarez [Berna, Suíza, 1969]. Coñecerán ben os baieses a este actor de Badius que leva no grupo de teatro dende os seus comezos. Marco interpretou na serie a Antonio, un representante de comuneiros que se ten que deixar achantar por Dona Teresa (o personaxe de Uxía Blanco). Non lle queda outra. Ela sabe da súa maneira non moi ortodoxa de proceder coa madeira.

-¿Aparecerá de novo na serie?

-En principio foi esta intervención, a do capítulo dous, aínda que o personaxe si pode volver a aparecer. Pero de momento...

-¿Como chegou a ese papel?

-Presenteime a un cásting, como xa fixera antes con Matalobos ou con Chapa e pintura, aproveitando a circunstancia de desempregado [ri]... É algo que me gusta, e supoño que valoraron a experiencia do teatro. Case sempre fixen de figuración, pero con texto.

-¿E a rodaxe da súa escena? ¿Coincidiu con todos os actores?

-Fun un día primeiro a facer a proba de cámara con texto, dándome alguén pé. Gravouse nun só día, pero o ambiente foi moi bo. Coincidín con Uxía Blanco, co que fai de seu fillo [Fran Paredes], con Isabel Naveira... Tamén co equipo técnico. Foi nas naves que teñen en A Grela, pero alí ves o curioso dos decorados: están todos, os de Padre Casares, os de Serramoura...

-Non esperabamos a máis xente da Costa da Morte na serie, pero...

-Bueno, Alberto Villar, director de Badius, también foi gravar dous capítulos... Debe de saír máis adiante.

-¿Vostede verá a serie, non?

-Si, o primeiro capítulo vírao gravado, porque me tocara de noite como auxiliar de enfermería. O segundo xa o puiden ver en directo. Ves realmente que ten moita audiencia, porque cando saín en Matalobos ou en Chapa e pintura, os máis achegados si que me comentaban algo e iso, os da zona de Baio que saben que ando metido nestas cousas, os do grupo de teatro... Pero no caso de Serramoura coincidiume cubrindo unha baixa e preguntábanme se tiña un irmán... [ri].

-¿É auxiliar de enfermería?

-Traballei vinte anos no sector da automoción, pero por un ERE fun á rúa. Pensei que había que reciclarse e acabei facendo enfermería. No hospital no que fixen as prácticas, o día que acabei, contratáronme pola tarde. Traballei todo o verán e logo fun facendo substitucións... Uns dez días ao mes trabálloos, e iso tamén me permite compaxinar co das gravacións, se sae algunha, co teatro, teño outras posibilidades que non tiña antes.

-E por sorte aparecen cousas.

-Si... Ademais de Serramoura tamén farei de figurante na película Lobos sucios. Aínda que esa como é así de nazis, non sei se morro na primera ou na segunda escena... [ri].

-Quedoulle moi ben o personaxe de Antonio na serie, aí co cigarro...

-Bueno... Xa che digo, estar con Uxía Blanco enfronte, que ten un rodaxe, tanta experiencia... Pero foi moi ben, porque me dicían 'non pasa nada, tranquilo, está controlado, quedou ben'... Tamén ela, e iso agradécese, sobre todo ao principio. É verdade iso que din de que hai moi bo rollo entre os actores de Serramoura, nótase. Incluso me dixeron: «A ver se te volven chamar...».

-¿Seguirá indo a Baio non? ¿Como vai a compañía Badius?

-Agora estou na Coruña pola semana por motivos laborais, pero teño a residencia en Laxe, aínda que cando chego na fin de semana xa marcho para Baio. Alí está o grupo, imos empezar coa escola de teatro... Con Badius estamos dándolle voltas a algo especial para o Nadal, polos 30 anos. Estamos encamiñando una obra, tamén unha comedia, pero que será un cambio de rexistro...