O Couto oficiou a declaración de amor de Neira Vilas á Costa da Morte

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Neira Vilas, onte no Couto.
Neira Vilas, onte no Couto. Ana Garcia

O autor presentou o seu novo libro nun acto adornada con moita música

20 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O Couto, verdadeiro refuxio da alma de Eduardo Pondal, foi onte escenario do rito oficial da declaración de amor de Xosé Neira Vilas á Costa da Morte. A Casa dos Veciños acolleu a presentación do último libro do autor de Gres: Con Anisia Miranda na Costa da Morte, que vén sendo un resumo dunha parte da vida cultural da bisbarra dos últimos vinte anos.

Neira Vilas (1928) declara no seu novo traballo o seu gusto por este «feraz territorio», a onde chegou por primeira vez o 16 de setembro de 1981. Viñera logo por Fisterra e máis tarde estivo na feira do libro de Carballo, pero foi na festa das Letras Galegas de 1984, na que foi homenaxeado, cando quedou definitivamente «namorado desta terra e comprometido con ela», escribe o autor no prólogo.

Non foi unha presentación dun libro ao uso. Cando Neira Vilas se apeou do auto no Couto, tocaron as gaitas, coma se chegase unha autoridade civil. Logo, ao longo do acto, foi habendo intervencións musicais para adornar con notas as palabras dos participantes. Introduciu Tamara Lema coa representación dun fragmento de Memorias dun neno labrego: «Eu son Balbina...». Falou en primeiro lugar Miguel Toval, director da editorial Embora, que revelou que a idea do libro foi de Xosé María Varela. Apuntou tamén que é moi doado traballar con Neira Vilas porque leva todo moi ordenado. Dous mozos saxofonistas interpretaron Camariñas e o escritor lembrou que a súa primeira visita á bisbarra foi en Camariñas e que en Cuba recolleu xornais de 1850 nos que se falaba da importación de puntilla dende a vila do Vilán.

Neira ten unha memoria prodixiosa e lémbrase de cada visita que fixo a cada lugar da comarca e dos amigos que ten nesta «cumprida e fermosa franxa occidental de Galicia», froito das súas andanzas e innumerables intervencións e colaboracións.

Silvia Losada, que naceu en abril, no mes das flores, como Rosalía, interpretou o poema Nacín da autora padronesa e máis A araña tece, de Anisia Miranda, antes da intervención do presidente de Monte Branco e patrón da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela, o impulsor deste «libro tan importante para a Costa da Morte». Cre que é imprescindible porque «o que non está nos papeis non está no mundo». Así que queda constancia do prolífico paso de Neira Vilas pola Fisterra.