Touriñán, proxector e lente

ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL

CARBALLO

TERESA BÚA

«Declárome paisaxe literaria: música do poema que xamais desemboca»

19 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Ningún cabo estivo tan lonxe da terra. Ninguén desenredou con tal ímpeto a cordura. Como Touriñán; lategazo rochoso nas costas do océano, proxectil dun lance sen tanza. Directo á nube na que vivo; chovendo versos, zoando voces, maquillada tras o anteface do solpor.

Non son quen de baixar á realidade. Pero se puidera, faríao a través da escrita, entre os arneses das letras. E en Touriñán; o trapecio litoral máis próximo á ficción. Se puidera, faríao por ti, que me les, agora.

Así. Grafema a grafema, promontorio a través. Só sobre esta fin do mundo, onde prendín raíces, me atrevo a pendurar a miña árbore xenealóxica; nas follas caducas dun xornal. Segunda rama á dereita.

Avoa materna: señora Lema Touriñán, natural de Viseo (Morquintián-Muxía). Avó paterno: señor Rial Moreira, nado en Loalo (Frixe-Muxía). Nove topónimos autóctonos en dous nomes propios. Nove, como as veces que cómpre pasar pola Pedra dos Cadrís.

Na vila da Barca ancoraron toda a súa onomástica os ascendentes citados. Ela aos doce anos, entre os estantes do comercio dos Toba, con quen coseu un parentesco perenne. E el pouco tempo máis tarde, cando iniciaron un novo negocio e outros proxectos comúns.

Outros proxectos. Proxectar? Proxector! O Faro Touriñán é un proxector. A través del admiro a biografía dos meus avós; en fotogramas fílmicos. No cinemascope da Costa da Morte. Reconstrúo, secuencia a secuencia, o discorrer de dous personaxes que nunca cheguei a coñecer. Romaría de Chorente; cine de Engracia; o baile do sábado; feira en Quintáns; marisco por Rivadulla; pesca na ría; caladoiro, Facho con Cachelmo, congrio, badexo, Enseada de Cuño, Cabo Touriñán!

Flashfoward! Prolepse!

Vexo a realidade pola lente intermitente de Touriñán. Con omnisciencia torreira, pestanexando carruseis de superoito. Para que a voz en off do nordés me revele os negativos da identidade?

Son: PAISAXE!

Xeográfica: recito, con lingua pétrea, a area das praias desertas, cuspindo, oclusiva, escuma atlántica. Rebento, a cada fonema, infartos de temporal! A miña pelve arrola os tombos da rexión que me naufraga nos cantís! Bergantiños, Muros, Soneira, Fisterra. Rial, Lema, Toba, Touriñán!

Son paisaxe humana: a complicidade dos nosos avós no sorriso que ti e eu cruzamos agora, co acento do seu recordo entre os dentes. Habito a danza das verbenas comunitarias, emerxendo nas cadeiras veciñas, abaladas con forza lendaria! Como as conversas que tendemos neste horizonte costeiro. Entre o Illote do Castelo e a Laxa de Touriñán!

En Touriñán declárome paisaxe literaria: música do poema que xamais desemboca. Vento bicado por tantas gorxas como furnas abismais, roncar de metáfora gráfica. Mais tamén aturuxo aéreo, libre de rizóns e partituras. Banda sonora popular!

Cantar de Diplomáticos e Peón, nos beizos dos descendentes que a nosa película paira: «Miña nai deume os camiños / o meu pai deixoume o mar / non tiñan máis que deixarme / nin eu penso máis deixar».

Que o cinematógrafo de Touriñán! Para rodar as secuencias das sucesivas xeracións na pantalla cardíaca da Costa da Morte! Percutir que nos acompasa o pulso ao lampexo luar do faro. En Touriñán! Onde peta o último raio de sol da Europa continental. 3, 2, 1: ACCIÓN!

Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988) é, sobre todo, escritora, en especial de poesía. Faceta que combina con diversos proxectos escénicos, tras licenciarse en Filoloxía pola USC e mentres investiga no ámbito da didáctica. Ten publicados varios poemarios individuais, «En clave de sol» (2009), «Átonos» (2011), «Vinte en escena» (2012), «Ningún amante sabe conducir» (2014); unha guía poética pola Costa da Morte en colaboración con Xan Fernández, titulada «Un mar de sensacións «(2012) e relatos curtos en volumes colectivos como «Follas de Carballo» (2011) ou «Contos de Taberna (2014).