A outra «Costa da Morte» de Serj

La Voz

CARBALLO

XOÁN CARBALLO

19 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito deu que falar nos últimos días a visión da comarca que o cineasta Lois Patiño ofrece na súa película Costa da Morte. Houbo opinións para todos os gustos, pero por riba de todo, trascendeu a idea de que esta terra é fonte de inspiración para moitos artistas. Algúns veñen de fóra a retratala, pero outros falan dela desde dentro. É o caso de Sergio Trillo, Serj, un músico de Vimianzo que está comezando a abrirse paso nese mundo. Onte mesmo actuou no Triskel de Cee.

Na súa web (acousticserj.bandcamp.com) pódense escoitar versións de Johnny Cash ou Beyoncé, pero tamén composicións propias apegadas á terra, como Bailar na herba, un alegato a favor do mundo rural e contra o estrés das cidades. Todas esas cancións están compostas no estudio que Sergio se construiu na súa propia casa. Todo un exemplo do «faino ti mesmo».

Sobre Costa da Morte, Serj detalla o proceso de elaboración deste tema. «O meu método é compoñer primeiro a música e logo a letra. Cando xa tiña a harmonía, vin que me inspiraba a forza que transmite a Costa da Morte». E comezou a escribir. O tema arranca «como unha especie de regueifa contra o sol» -Ese de tras das nubes debe ser un cobarde, non se atreve a vir alumear-. O cantante vimiancés explica que a canción pretende reflexar «a imaxe crúa, dura e desafiante da Costa da Morte; unha imaxe que deberiamos promocionar máis. Son dos que pensa que o que non che mata, faite máis forte. Por iso a xente de aquí, en xeral, é orixinal, optimista e creativa».

A canción de Serj tampouco esquiva a emigración e, ao mesmo tempo, anima á xuventude a probar sorte aquí. «Os que marchan fóra pola falta de oportunidades son valentes, pero os que se quedan aquí aínda o son máis; -opina Serj- temos que estar orgullosos da emigración, eu mesmo son fillo de emigrantes, pero temos que apostar por crear aquí, por xerar riqueza aquí», conclúe.