Hoxe presenta no Couto o libro «Con Anisia Miranda na Costa da Morte»
19 oct 2014 . Actualizado a las 09:15 h.Con voz afouta, máis propia dun mozo que dun home que naceu no ano 1928, o escritor Xosé Neira Vilas responde ao teléfono dende Vila de Cruces (Pontevedra). Xa é ben noite, mais el acaba de chegar dunha sesión plenaria da Real Academia Galega. Non está canso, di que se encontra ben, «dentro do que cabe». Hai uns días, recollía no Pazo da Deputación pontevedresa o Premio Otero Pedrayo. O martes pasado, presentaba no Salón Teatro de Santiago Cantos de sol a sol, un libro-disco con 24 poemas seus, dez deles convertidos en cancións por voces de moita talla. Non hai tanto que publicaba Memoria gráfica... Axiña chegarán outros proxectos, xa están en marcha. Un deles é o que esta tarde (17.00 horas) presenta na Casa dos Veciños de O Couto (Ponteceso): trátase do libro titulado Con Anisia Miranda na Costa da Morte, editado por Embora.
-Ben seguro que é un libro especial.
-Si, en boa maneira. ¡Pero non o inventei eu, [ri], inventouno Xosé María! [patrono da Fundación Eduardo Pondal]. Cúmprense vinte anos, xa que no ano 1994 estiven alí porque... ¿Sabes que no Couto homenaxean a escritores vivos? Ao revés que na Academia, que ten que haber polo menos dez anos que morreron [ri]. Pois no Couto convértese nunha festa da parroquia, hai artesanía, libros, teatro, coros... As Festiletras son unha celebración das letras única en Galicia. Dixéronme: «Imos publicar un libro coas túas andanzas pola Costa da Morte...».
-Pois non son poucas...
-Estiven aí moitas veces, e en moi diferentes lugares. Ademais do Couto, inaugurei a exposición Querido Balbino, polos cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, en A Laracha, Ponteceso, Fisterra... Tamén dei unha conferencia en Cee sobre o benefactor Fernando Blanco; prologuei un libro dos poetas do Batallón; publiquei artigos breves sobre temas da Costa da Morte; visitei as illas Sisargas, o dolmen de Dombate, o castro de Borneiro, Camelle; subín con Lijó ao faro de Fisterra; tratei a Alexandre Finisterre; coñecín a moita xente; fun pregoeiro da Feira do Libro de Cee; tiven encontros con estudantes; acudín á representación de Memoria das memorias dun neno labrego, de Cándido Pazó... ¡En Carballo aínda estiven na última Feira do Libro! Xa era o terceiro ano, é unha das feiras máis simpáticas para min, aí firmei máis libros que na Coruña. Todo isto está presente nesta obra, que se chama Con Anisia na Costa da Morte [Anisia é a súa dona, falecida no 2009]. Verás... ¡Como ía poñer o meu nome no título dun libro que xa vai firmado por min! Leva moitas imaxes, case todas llas debemos a un dos fotógrafos, José Manuel Casal, de La Voz de Galicia. Na portada vai unha que el nos tomou a min e a Anisia hai uns cantos anos, alá no alto do Monte Branco. Eu levo un dietario, un diario de todo, que despois paso a libro. Con detalle, día por día.
-Xa ten que ser grande o diario.
-[Ri]. Publiquei un que se chama Vinte anos retornando, con todas as veces que vin a Galicia desde América. Despois, dende o 92, que foi o ano o que nos radicamos aquí, ata que morreu Anisia, publiquei outro, Penúltimo Dietario. E agora todo o que vou facendo vou anotándoo, aí esta. Algún día publicarase.
-Moito o queren por aquí.
-É verdade é. Tamén eu lle teño un cariño especial. A primeira vez que estiven foi no 1981. Aínda vivíamos en Cuba. Fomos porque Anisia... Por certo, do 94 para acó iamos ao festival de teatro co seu nome en Cabana e tamén a escola infantil de Neaño se chama como unha obra dela, A casa dos títeres. Íache contando que, xa no 81, fomos aló porque Anisia quería coñecer as palilleiras de Camariñas. Quedou marabillada. Eu tamén, porque estivera investigando na prensa galega de alá o feito de que, xa en 1840-1850, había embarques de encaixe de Camariñas para Cuba. Doucho como noticia, foi visto por min na prensa: calcetíns, xamóns, viño do Ribeiro, augardente e encaixe de Camariñas. ¡Moitos embarques houbo! Despois xa pasamos ao 94 na Costa da Morte. Chegara eu a vivir con Isaac Díaz Pardo en San Marcos e no 93 veu verme Xosé María, comentoume o do libro. Díxenlle que ía ir a Cuba, que tiña uns poemas, e así armamos Poesía recadada, por iniciativa de Monte Branco.