Vinte anos da primera web en galego da historia, obra dun filólogo coristanqués

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Alfonso Xavier Canosa, en Mongolia.
Alfonso Xavier Canosa, en Mongolia.

Alfonso Xavier Canosa creou a páxina nunha Universidade de Gales. Agora dá clases de inglés noutra de Mongolia

17 oct 2014 . Actualizado a las 12:22 h.

Hai 20 anos, nunha pequena universidade do País de Gales (Reino Unido), a de Aberystwyth, ubicada á súa vez no pequeno pobo do mesmo nome (apenas 12.000 habitantes mirando cara o Atlántico), nacía a primeira páxina web en galego da historia. O seu creador foi un rapaz do lugar de Soutullo, parroquia de Erbecedo, municipio de Coristanco: Alfonso Xavier Canosa Rodríguez. Para bautizala, optou pola vía sinxela: as iniciais do seu nome (axc) e o ano de creación (94). O dominio era www.aber.ac.uk/~axc94.

Xa non existe, nin hai maneira de recuperar nada, nin o autor gardou nada. Tempo atrás, o responsable da área informática desta universidade, que xurdiu a finais do século XIX, confirmou que non había nada gardado daquela época, nin discos, nin memoria caché nin impresións, tras un cambio total dos seus servidores un tempo atrás. Pero os que daquela estaban detrás do arranque da web en Galicia si a lembran, e tamén a recoñecen. No libro Da periferia á rede, obra imprescindible para coñecer a arqueoloxía da Internet galega, xa se cita, aínda que se lle atribúe o ano 95, se cadra porque, en efecto, foi elaborada no curso 94-95, pero o propio Canosa confirmou que quedou pechada no último trimestre do ano 94. En todo caso, sempre existe o risco de atopar outros traballos.

O autor lembra aquela época dende Mongolia, onde imparte clases de inglés na Mongolia International University, en Ulán Bator, a capital do país. «Durante o curso 1994-95 traballei como investigador no proxecto Mercator Media, daquela con sé no departamento de Información e biblioteconomía na Universidade de Aberystwyth, País de Gales. Como complemento á actividade desenvolvida nese proxecto a universidade ofrecíanos unha serie de cursos formativos», explica o coristanqués.