Mil e unha funcións no FIOT carballés

P. B. M.

CARBALLO

CEDIDA

O programa desta fin de semana, empezando hoxe mesmo, inclúe dez citas

09 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A fin de semana vén cargadísima de opcións en Carballo, da man do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Mañá comeza a programación de sala, coa estrea de Bobas&galegas, e continúa tamén a Rúa dos Contos. Incluíndo a presentación do libro desta tarde, haberá ata dez espectáculos, moi variados. Mofa e Befa e Ron Lalá son as compañías que esta fin de semana representan obras, pero tamén haberá maxia e, por suposto, moito humor, ironía e retranca. Ademais dos espectáculos para gozar no auditorio do Pazo, na propia rúa ou nos establecementos, tamén comeza mañá a iniciativa Dálle un bocado ao FIOT, isto é, unha ruta gastronómica na que participan 17 locais e que complementarán o ambiente teatral da vila. Este é o programa ao detalle:

Hoxe

20.00 horas, Pazo da Cultura

Presentación do libro «Os contos de Joselín». Laura Tato, investigadora da Universidade da Coruña, e Ramón Pinheiro, editor da obra, acudirán hoxe a Carballo para presentar no Pazo o libro-disco Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Joselín, José Rodríguez de Vicente, foi un contador e cantador de historias, protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego, xograr, narrador de enorme éxito no século XX, ídolo en Buenos Aires, guionista...

Mañá

21.00 horas, Pazo da Cultura, entradas esgotadas. Programa de sala

«Bobas&galegas» (Mofa e Befa no Século de Ouro). Baixo a dirección de Quico Cadaval, Evaristo Calvo e Vítor Mosqueira (Mofa e Befa) estrean en Carballo esta obra baseada no Século de Ouro Español. Versos tirados de Calderón ou Lope, pero traducidos á nosa lingua, con humor e sátira. ¿Unha vinganza poética?

23.00, Cervecería A Bombonera. Entrada: 3 euros. Rúa dos contos

Mago Teto, con «As novas tolemaxias». Ilusionismo e humor con un mago inconfundible: mozo, pero xa moi veterano en Galicia. O mago Teto é un habitual da televisión.

00.30 horas. Cervecería A Boa Estrela. Entrada: 4 euros. Rúa dos contos

David Amor, con «Fuera de sitio». David Amor non precisa presentación en Carballo, onde viviu un tempo. Din deste que é o seu show máis íntimo, por falar de aconteceres vitais. Humor, retranca...

Sábado

21.00 e 22.30 horas. Sesión doble. Mercado municipal. 6 euros. Rúa dos contos

Antón Coucheiro, con «Psicópata» e Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín con «Os contos de Joselín». Antón Coucheiro (21.00 horas) estrea en Carballo Psicópata, unha comedia negra gamberra. Despois del, os contadores Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín, moi aclamados en Carballo, fan unha revisión da tradición, precisamente evocando a Joselín e aos seus contos.

00.30 horas. Pub A Reserva. Rúa dos contos

Palito. Cantautora galega que presenta en Carballo o seu primeiro disco, na compaña de Zahorí (Javier López). Cancións frescas, enxeñosas, pícaras. Obviamente, non faltará o humor.

Domingo

12.30 horas. Animación de rúa. Velocíclopes. Cabezudos motorizados por Carballo adiante.

21.00 H. Pazo da cultura. Quedan 5 entradas (15 euros). Programación de sala

Ron Lalá (Madrid), con «En un lugar del quijote». A compañía levouse no 2013 o Premio do Público. Agora, volve a Carballo con esta visión particular e actual da novela de Miguel de Cervantes.

23.00. Pub O Patacón. Entrada libre. Rúa dos Contos

Evaristo Calvo, con «O turista madrileño». Unha visión propia do pobo galego.