A xeoloxía e a Costa da Morte coruñesa

CARBALLO

Juan Ramón Vidal Romaní, en O Ézaro.
Juan Ramón Vidal Romaní, en O Ézaro.

Trátase dun dos litorais que apenas evolucionou co paso do tempo

05 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que escoito o nome que se lle dá a esta parte de Galicia, Costa da Morte, pregúntome por que se emprega algo tan sinistro para referirse á parte máis viva da beiramar galega. Cando menos deberíaselle chamar a Costa da Vida, pois xeograficamente é a fronte que protexe Galicia dos tremendos temporais que dende hai séculos e durante o inverno atura a costa galega. Ben certo é que estes acontecementos sempre se teñen resolto cun longo relato de traxedias con sacrificio de vidas humanas, inxentes perdas económicas e desastres ecolóxicos.

Mais estes ataques provocados pola mar téñense contabilizado equivocadamente como se Galicia, a fortaleza sitiada polo exército inimigo, o mar, entendese os seus trunfos como derrotas. A Costa da Morte ou, mellor, a Costa da Vida é a primeira liña que opón Galicia aos ataques da mar e a todo o que aquel empurra cara o continente. Trátese do Serpent, dos vapores tóxicos do Casón, do petróleo do Prestige e derradeiramente da gabarra ucraniana Prima. E en todos estes ataque feitos a Galicia polas ondas, os ventos ou por eses proxectís cargados de morte que son os petroleiros, Galicia ten saído trunfante das embestidas das ondas. Chega para velo un paseo pola beira do mar. Non inclúo no inventario esa lenda rural, clonada da dos ingleses de Cornualles, dos bois de fogo guiando os barcos cara a súa perdición e que, de ser certa, trataríase de danos colaterais.

Como ben coñecen todos cantos polo seu traballo ou a súa profesión utilizan o mar para navegar ou para pescar as fortalezas rocosas de Monte Louro, O Pindo, Fisterra, Cabo da Buítra, Cabo Vilán, Traba, Punta Roncudo, Illas Sisargas, Cabo Prior e Prioriño, todas elas forman a última visión que se ten dende o mar cando se abandona Galicia e tamén a primeira visión á volta. Por tanto, Costa da Saudade ou aínda Costa da Felicidade por volverche a ver, sería mellor nome que o sinistro título actual.

Pero a miña visión como xeólogo da Costa da Morte é tamén diferente cando, asomándome ao mar dende os faros rocosos de Monte Neme, Traba, Vimianzo, O Pindo e Louro, teño a fortuna de poder revivir na miña imaxinación o momento no que as terras de Norteamérica e Canadá, agora lonxe, na outra beira do océano, fuxiron nesa longa viaxe de milleiros de quilómetros hai douscentos millóns de anos. As grandes rías galegas a norte e a sur da Costa da Morte fórmaronse cando rompe Panxea, o grande supercontinente que reunía todas as terras do Mundo. Daquela Galicia pasa de ser unha terra sen matices localizada no interior dun continente a convertirse no femoso país actual á beira do mar. Desa primeira costa galega de hai tantos millóns de anos apenas se conserva intacta a Costa da Morte, ao non ter sido afectada nin pola erosión dos ríos galegos nin polo ataque sen piedade da mar. E de aí a idea de lle mudar o nome para o de Costa Fiel ou Costa da Vida.

«Debería ser Costa da Vida: é a fronte que protexe Galicia dos temporais que atura a costa galega»

Juan Ramón Vidal Romaní (Tarragona, 1946) é catedrático de Xeoloxía na Universidade da Coruña (UDC). Tamén é o director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Ademais de ter raíces no municipio camariñá, dende a súa profesión e o seu coñecemento tense achegando en numerosas ocasións a zonas e tesouros que ten a Costa da Morte, como as que describe neste texto ou como os Penedos de Pasarela e Traba, en Vimianzo e Laxe.

en primeira persoa juan ramón vidal romaní