A actitude lingüística flamenga nunca gozou de boa prensa, pois a súa reivindicación sempre foi considerada caprichosa; como se tivesen obriga de baixaren bandeira ante o superior prestixio do francés, que, ademais, en Bélxica non é maioritario, pois fálao o 32 % da poboación fronte ao 57 % o flamengo). Por iso pódenos chocar o caso recente do dono dunha tenda de antigüidades de Flandes, que se negou a negociar cun cliente español a venda dunha custosa peza porque este só lle falaba en francés. Antepuxo a defensa da súa lingua a facer un bo negocio.
Sen necesidade de chegarmos a comportamentos tan heroicos, en Galicia, aproveitando que hoxe se cumpren dez anos da Lei de Normalización Lingüística, votada por todos os partidos do Parlamento, fagamos por promover máis o noso idioma, falándoo e escribíndoo, e, secundando o chamamento de Prolingua (asociación apartidaria e plural en defensa do galego) para este día, diríxome en especial ós redactores e colaboradores dos xornais. Cómpre facelo máis visible. Sería, ademais, unha boa nova para a convivencia que nunha data tan sinalada a Xunta de Galicia retomase o consenso do ano 2003, cando o señor Feijoo era vicepresidente, e dese a esquecemento as funestas medidas desprotectoras do idioma tomadas en 2009.