Cabeza Quiles rescata o legado toponímico celta da comarca

Xosé M. Varela Varela

CARBALLO

Varela e Cabeza Quiles, na presentación de «A toponimia celta de Galicia» na Praza dos Libros.
Varela e Cabeza Quiles, na presentación de «A toponimia celta de Galicia» na Praza dos Libros. inés varela< / span>

O autor identifica os vestixios daquela cultura en moitos nomes da zona

15 ago 2018 . Actualizado a las 01:31 h.

Fernando Cabeza Quiles é un grande da cultura galega actual pola súa ampla produción literaria e, fundamentalmente, polos seus traballos de toponimia. Foi o gran referente nos estudos da toponimia no século XX e continúao a ser tamén neste século XXI. Deu a coñecer as súas pescudas sobre os nomes de lugar a través de artigos de prensa, de revistas especializadas ou non-especializadas, en conferencias, en emisións radiofónicas, nas pantallas da televisión e, o que lle outorgou maior visibilidade como investigador, coa edición de libros, que foron e son imprescindibles aínda para o desenvolvemento cultural do país.

O seu legado toponímico en formato libro comeza no ano 1992 coa publicación do volume Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (Xerais). Edición en tapa dura con fotografías que axudaban a interpretar o significado de cada topónimo. O seu estilo era fuxir da erudición, da explicación científica, e apostar por unha descrición divulgativa. Isto serviu para que se convertese nun dos libros máis vendidos da época e que, caso curioso naquel tempo, un libro de ensaio en galego esgotase pronto as súas tiraxes.

Os precedentes

Os que nos achegabamos cunha curiosidade filolóxica a ela percibiamos, entre liñas, tres particularidades.

Ofrecíase toda unha estrutura desde a cal podiamos clasificar os topónimos. Haxiotopónimo (cabo Santo Hadrián, Santiso de Vilanova), fitotopónimo (Carballo, Carballido, Carballeda), orotopónimo (Monte Alto), hidrotopónimo, etcétera. Fernando estaba a sistematizar a literatura da toponimia; é dicir, a linguaxe e terminoloxía toponímica.

Tamén percibiamos que os nomes que viamos nos mapas ou nas sinais das estradas tiñan distintas idades, procedían de distintas linguas. Así Malpica enraízase nunha lingua prelatina e significa altura máis altura, altura ó cadrado. É un topónimo que parte del (a súa primeira metade Mal-) chanta os pés na lingua prerromana falada antes da chegada da sociedade romana ao Bico do Castro de Santo Hadrián, á Croa do Castro de Cerqueda ou ó castro marítimo de Entretorres, sito na punta Galeana.

E podiamos saber onde se repetía o noso topónimo querido non só ó longo do territorio galego, senón tamén noutras partes do mundo. Así, viamos que hai máis Malpicas en Galicia, en España e en América. E tamén a curiosidade de observar que pola contorna se estenden topónimos rechamantes como Exipto, Roma, Os Ánxeles, O Cairo, O Escorial, A Florida, Franza, Valdolide.

No ano 2000, Fernando Cabeza publica o volume Os nomes da terra. Topónimos galegos (Toxosoutos). Outro libro de toponimia xeral na que amplía e, ás veces, renova as explicacións de Os nomes de lugar. Novo éxito editorial xa que do libro se realizaron varias reimpresións.

Oito anos máis tarde, no 2008, saca a luz o seu proxecto máis completo e ambicioso de toponimia: Toponimia de Galicia (Galaxia). En pasta dura, un dicionario de toponimia xeral con fotografías a cor que ben se pode levar como guía de viaxe cando andamos polos camiños do país.

Agora ve a luz A toponimia celta de Galicia (Toxosoutos). Con el abandona os estudos diacrónicos de toponimia para nos ofrecer un arriscado percorrido sincrónico polos nomes de lugar dunha época con escasas seguridades lingüísticas. Cualificamos este estudo como traballo arriscado e ao seu autor un valente que xa bate forte nas palabras introdutorias do volume contra todos aqueles que negan a nosa condición celta: «Moito teñen negado? a evidente presenza de pobos de etnia e cultura celta en Galicia».

Cabeza Quiles xustifica desta maneira a tese do volume: «As coincidencias arqueolóxicas entre as diversas zonas xeográficas peninsulares e europeas de pasado celta repítense con respecto á toponimia e á antroponimia, que amosan os mesmos ou moi parecidos nomes de lugar e de persoa nesas zonas xeográficas, nas cales, ademais, os autores clásicos gregos e latinos documentan expresamente a presenza física de xente de etnia e cultura celta co seu nome inequívoco de keltoi, celtici e galli».

Delimita tres zonas peninsulares de marcado pasado celta: Galiza e zonas contiguas do noroeste; A antiga Celtiberia e territorios afíns: A Rioxa, Navarra, Soria, Zaragoza, Teruel, Cuenca, Madrid, Guadalaxara, Segovia e Burgos; e a antiga Baeturia ou Beturia: territorio entre os ríos Guadalquivir e Guadiana.

Celtas na comarca

Algúns topónimos da comarca que explican con toda seguridade como de orixe celta son: Anide, Anido, Os Anles, Anos ou Anós, Aviño, Bergantiños, Bormoio, Bormoxoio, Brión, Callón (non Caión), Cambre, Couñago, A Choupana, A Laracha, Laxe, Leira, Mina ou A Mina, Nantón, Neme, Nemeño, Oca, Penavia, Queo, Riodeva / Río de Va, A Rega, Seavia, Sísamo, Sofán, Sofandónigo ou Vernes. Outros topónimos próximos a nós que explica son Corcubión, Glandomiro ou Brandomil, así como Dubra.

Bota man do recurso da toponimia comparativa e establece semellanzas dos topónimos galegos con outros das áreas de expansión das linguas celtas. A este respecto, podiamos dicir que A toponimia celta de Galicia é un volume de toponimia plurilingüe. Pero rexeitamos esa etiqueta para chamarlle un libro de diversidade lingüística toponímica. Topónimos de todas as linguas maioritarias, minoritarias e minorizadas están tratados por igual, sen ningunha distinción.

Fernando Cabeza Quiles é unha das máximas autoridades en materia de toponimia no Estado. É o toponomista maior do Reino. As súas publicacións achegaron de modo ameno, divulgativo, a historia e significado dos nomes dos nosos lugares a un gran número de persoas, moitas delas non-lectoras e moitas máis non-lectoras en galego. Describiu centos e centos de topónimos desde o punto de vista da toponimia xeral; é dicir, toponimia diacrónica. Agora, con A toponimia celta de Galicia realiza unha tallada na historia para deterse no legado toponímico máis antigo do país.

Encomendámolo a que desde hoxe se poña a traballar xa de igual maneira na nosa toponimia de orixe árabe ou xermánica. A próxima Praza dos Libros de Carballo pode ser un magnífico escenario para que nos ofreza as súas novas pescudas.