Dende que eu teño lembranza, sempre me atraeu a Costa da Morte, non sei se polo tétrico misterio do seu nome, se pola infinidade de lendas e historias que fun coñecendo, se polo seu mar salvaxe, se polo seu aillamento e contacto directo cun Atlántico que se mostra como en poucos lugares, se polas impresionantes postas de sol ou que sei eu... O caso é que por mil motivos sempre me sentín fascinado e fortemente atraído por esas terras que xa considero parte de min a pesar de que, aínda sendo nacido na Coruña, os meus ancestros veñen doutras terras ben lonxanas e non menos fermosas e únicas.

Dende a inmensidade visual e artística dos pedregais do cabo Fisterra, dende onde se pode albiscar a grandeza da Ría de Corcubión coas Lobeiras e o Pindo de testemuñas e o Mar Maior de anfitrión, ata as praias do concello de Arteixo onde teño a sorte de poder vivir e compartir coa bravura dese pai atlántico como banda sonora, teño que recoñecer que estou enmeigado por esta terra que podo dicir que coñezo e recoñezo como miña. Fun peregrino de vía rápida un feixe de veces ata os confíns destes lugares, e neles fun coñecendo as súas características, peculiaridades, costumes, tradicións e xentes ata o punto de case levitar espiritual e materialmente. Os solpores de Fisterra considéroos únicos e, de feito, alí está situado un dos "Ara Solis" máis importantes do planeta. Xa no seu tempo, aquel Décimo Xunio Bruto de Roma chegou a postrarse ante tan grande inmensidade. Así o contan as súas propias crónicas.

Por suposto, esas constantes visitas serviron tamén de inspiración para ser portada e títulos dun par traballos discográficos de Luar Na Lubre (Ara Solis e Solsticio) así como tamén para un provocar un pequeno ronsel de detalles que nos levan ao mesmo lugar como se dunha espiral sen fin se tratase. O dolmen de Dombate foi portada do noso primeiro traballo discográfico, "O Son Do Ar", aínda en vinilo, aló polo ano 1986 e o Faro do Roncudo nun anoitecer de inverno portada, tamén, para o noso segundo traballo discográfico "Beira Atlántica" dous anos máis tarde. Balarés e o seu complexo dunar ao pé do Monte Branco, a parte de ser lugar de paseo e pesca afeccionada por moitos anos para min, foi portada e imaxe do noso cuarto traballo, neste caso xa cedé "Plenilunio" do ano 1998, traballo que acadou o disco de ouro por vender naqueles anos nos que a música tiña valor e aínda se mercaba, unha cifra de máis de 70.000 unidades. E coas dunas de Balarés como protagonistas escénicas casi nada!

"Cabo do Mundo" foi o noso seguinte traballo con referencias constantes á Costa da Morte e máis en concreto á vila de Malpica, á cal eu lle teño un especial agarimo por motivos persoais, e alí foi onde fixemos as fotos que ilustran o CD e que acompañan humildemente aos cadros do grande pintor do mar Urbano Lugrís, algúns deles ubicados na confraría desta vila, vila na que viviu este grande da nosa pintura durante algúns anos da súa vida. Este disco tamén tivo un gran suceso de vendas acadando de novo o disco de ouro e chegando anos despois ao platino. De novo, a Costa da Morte, presente con dignidade. Pouco despois compría facer un repaso á nosa traxectoria musical e falamos de facer, e fixemos, un recompilatorio dos 15 anos de Luar Na Lubre, e unha vez máis o espigón do porto malpicán aparece na portada como tamén, abrindo este cedé de 15 aniversario, unha canción que xa case é un himno, e que forma parte do noso acervo musical máis popular, e neste caso Camariñas é protagonista: "Camariñas, Camariñas, xa me vas camariñando, por unha de Camariñas vivo no mundo penando"... Canción que levamos ao mundo por máis de 25 países e que sorprende a todo aquel que a escoita.

Non pasou moito tempo despois deste recopilatorio e editamos "Espiral" no ano 2002, desta vez coas fotos interiores feitas en Borneiro e coa imaxe dun "Ollo de boi", eses pequenos opérculos que aínda se poden atopar na praia de Baldaio e que polo visto son pequenos amuletos de sorte para quen os atopa. Cunchiñas fermosas que por un lado parecen unha orella humana e por outro teñen gravada unha espiral, como se dun petroglifo se tratase. Agasallos da nai natureza que nos dá estás fermosuras.

"Hai un paraíso" foi o seguinte traballo no 2004 e coincidiu en tempo coa tristemente famosa traxedia do "Prestige". Todos sabemos o que foi e o que significou este suceso, e co cheiro do petróleo nas nosas costas de fondo compuxemos "Memoria da Noite" con letra do poeta coruñés Xabier Cordal, coa que pretendimos reflectir a dor dunha catástrofe xa repetida pero que non por eso menos dolorosa para o pobo galego e especialmente para toda esta comarca e quen realmente a ama. Tamén, neste cedé aparece unha canción instrumental chamada "Corme" en homenaxe aos valentes voluntarios e xentes da dignidade.

Son peregrino constante aos lugares que considero máxicos e "Camiños da fin da Terra" (2008), o noso seguinte traballo con referencias á comarca, reflicte esta idea de eterno peregrinaxe en busca do misterio e da beleza. A portada é un solpor en Cabo Vilán e no CD incluimos unha canción chamada "Foliada de Corme", unha perliña da nosa tradición como tamén "A Barca de pedra", homenaxe do sentimento máis popular e ancestral á misteriosa virxe que chegou ás costas de Muxía nunha barca de pedra, como Santo André de Teixido, Santiago e moitos outros santos e santas dos países celtas. De novo a tradición musical e oral da Costa da Morte presente.

"Ao Vivo" foi o noso primeiro directo rexistrado no Teatro Colón" de A Coruña durante dúas fermosas noites de Xaneiro co ciclón "Klaus" como convidado de pouco agrado no exterior, pero nada impediu que foran dúas xornadas únicas de música de Luar Na Lubre coa súa xente abarrotando o emblemático Teatro coruñés con convidados de luxo que de novo engrandeceronn coa súa presenza o nome e a imaxe da Costa Da Morte, Luz Casal cantando Camariñas, e Pedro Guerra intervindo en "Memoria da Noite", emotividade, tradición e paixón agarimando as músicas que son banda sonora dun pobo.

"Mar Maior", homenaxe ao gran Atlántico e denominación que lle daba a nosa lírica medieval foi o noso 12.º traballo e tamén nel, de novo, a tradición e a beleza fan acto de presenza. Estrela Casdelo, en Caión, ensínanos a música e a letra dunha cantiga que é unha auténtica fermosura e que tentamos plasmar musicalmente co máximo respecto e admiración, como non podía ser doutro xeito. Dunha maneira ou de outra, a Costa da Morte, dende que a coñezo, sempro estivo presente na miña alma e nos meus proxectos, así no libro "Xeometría máxicas de Galicia" que editei no ano 2009 recompilo diferentes formas xeométricas de toda Galicia sin esquecer o rico patrimonio que temos tamén nesta comarca, así Santa María das Areas en Fisterra, Santiago de Cereixo, San Xián de Moraime, Santa María de Morquintián e Santa María en Muxía, San Marcos de Corcubión, Santa María da Atalaia en Laxe, entre moitos detalles en hórreos, casas, etcétera, están tamén incluídos neste traballo. Así pois, un homenaxe permanente, sentido e sinceiro a unha das terras que alimenta a miña alma e que ten unha grande influenza no meu xeito de crear e de sentir.

Bieito Romero (A Coruña, 1964), ademais dun gaiteiro excepcional, é un dos membros fundadores de Luar na Lubre. A presenza da Costa da Morte nos traballos discográficos deste grupo que é referencia internacional, con concertos por todo o mundo, queda amplamente reflectida neste texto. A conexión persoal de Bieito Romero coa comarca, tamén. A súa pegada é moi fonda en Zas, por exemplo, onde deu clases de música tradicional e onde mantén unha fonda implicación co festival folk da Carballeira. Xa sexa como artista, actuando, ou ben como público (asiste sempre que pode), das 31 edicións celebradas, recorda ter asistido a unhas 25.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos

Unha terra que alimenta a miña alma