Poesía e territorio

Cee, Fisterra ou a Bretaña francesa como eixos da obra do autor ceense

Miro Villar, en Toba (Cee), a paisaxe da infancia.
Miro Villar, en Toba (Cee), a paisaxe da infancia.

O territorio, a paisaxe, a interpretación poética do espazo, son piares que estiveron sempre entre as pulsións que determinan a miña creación literaria. Desde o coñecemento do propio ata a adquisición a través das viaxes culturais a outras localizacións máis ou menos afastadas, moi enriquecedoras e que ao tempo serviron para amar e valorar máis a nación de Nós (singularizada moitas veces na fascinante cidade histórica de Santiago de Compostela) e moito máis aínda calquera recuncho do territorio da Costa da Morte que habitamos.

De feito, esa querenza pola viaxe cultural e a viaxe como coñecemento do íntimo e do propio estaba xa na cerna da miña opera prima, o poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992, aínda que rematado dous anos antes), onde a derradeira parte, con dez sonetos, levaba por título De ti e da paisaxe e a voz poética facía un percorrido por lugares de Galiza e Portugal.

O itinerario, obviamente, principiaba en Toba, a paisaxe da infancia, ou no cabo de Fisterra (dicía unha estrofa: Que lonxe fica o mundo desde o faro Fisterra / para nós que aprendemos de terras coñecidas, / non pode ser estraño que onde o mar ceifa vidas / no preludio dos tempos fora alma e fin da terra) no mar atlántico da Costa da Morte, porque fai parte do meu propio ADN, por así o dicir, xa que ceifou a vida de meu pai cando eu tiña apenas tres anos ou levou a América (Bos Aires) ao meu bisavó (hai un poema inesquecible do meu irmán Rafa Vilar sobre o tema) e ao meu avó en senllas viaxes migratorias. Despois sempre me interesou a literatura do mar, de feito o libro preferido da miña infancia é Moby Dick de Herman Melville, nunha época que había baleeiros aínda en Caneliñas (Cee) que eu e outra rapazada miramos chegar desde o peirao de Corcubión. E logo a lectura dos nosos poetas do mar, primeiro todos os libros do muxián Gonzalo López Abente, logo a obra do rianxeiro Manuel Antonio ou do laxense Antón Zapata García, logo o noiés Avilés de Taramancos ou o cangués Bernardino Graña, cos que compartín moitas lecturas públicas e moito aprendín do seu recitado de poemas, e finalmente a voz sabia do poeta fisterrán Alexandre Nerium, enciclopedia do mar con quen aprendín moita terminoloxía e o seu uso adecuado.

Permitáseme un excurso para recomendar vivamente unha visita ao Museo da Pesca no fisterrán castelo de San Carlos (malia levaren semanas sen luz eléctrica por mor da ineptitude dos que dirixen a entidade que colleu a xestión dun espazo que debería ser público, na miña opinión). Levo sendo testemuña de como moitos cidadáns dos lugares máis afastados de Europa e do mundo saen cheos de satisfacción, con moito máis coñecemento da nosa cultura marítima e cun sorriso nos seus rostros iluminados polo oficio e a sabedoría de Alexandre Nerium.

Volvendo ao rego, engadirei que esta poetización do(s) espazo(s) continuou a ser un dos fíos que axudaban a tecer a miña escrita, ás veces só como fiaños e ás veces chegando a ser a fonte de inspiración de todo un volume. Así aconteceu co poemario Breizh (Toxosoutos, 2012). Xa teño explicado moitas veces que esta obra naceu dos apuntamentos dunha viaxe física á Bretaña realizada cos compañeiros e compañeiras do Instituto de Estudos Comarcais da Costa da Morte na xeira de viaxes desta entidade polas diferentes fisterras atlánticas.

Canda ela hai unha consciente e premeditada viaxe literaria, que naceu da miña fascinación por un pequeno libro de Manuel María intitulado Laio e clamor pola Bretaña. E, como xa teño comentado noutros lugares, tamén está o diálogo coa nosa propia tradición, porque a paisaxe e a identidade bretoas están na literatura medieval galega e na contemporánea, desde As cruces de pedra na Bretaña de Castelao até Olga Novo, sen esquecermos Cunqueiro e Ferrín, entre outros moitos.

Malia a brevidade dos haikus ou haikai de Breizh, ou acaso grazas a ela, pretendía reflexionar e levar á reflexión sobre as mudanzas e sobre a nosa culpabilidade ou cando menos a falta de inocencia nesa transformación. Por poñer un exemplo, na Bretaña onde a cultura é un valor engadido, sobre todo na protección do patrimonio, non son indiferente os haikus á denuncia da minusvalorización da lingua bretoa ou a constatar a comercialización do herdo de Paul Gauguin en vulgares mantelos nas casas de xantar ou a lembrar desfeitas, tamén, como aquel megalito que os nazis converteron en búnker. Con todo, sucumbín ao engado daqueloutra fisterra atlántica.

En definitiva, sempre me interesou a poética do territorio, se cadra porque fago parte da Costa da Morte que posúe un inmenso caudal simbólico, por máis que sexa un topónimo nacido nos albores do século XX e no xornalismo, tanto é así que ao poeta Gonzalo López Abente non lle apracía e prefería escribir «costa brava» nos seu versos. E esa preocupación pola paisaxe está en min case desde que teño uso de razón, pois a miña primeira militancia social foi aos 16 anos na asociación ecoloxista Adega-Costa da Morte e ese compromiso é o que me leva a colaborar aínda hoxe coa entidade Monte Pindo Parque Natural para os que coordinei, xunto a Chisco Fernández Naval, a antoloxía Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (Toxosoutos, 2013).

Miro Villar González (Cee, 1965), é doutor en Filoloxía Galega e profesor de ensino secundario. Poeta, narrador, crítico literario, tradutor, ten máis de vinte obras publicadas en solitario (e moitas máis obras colectivas) e acadou numerosos premios. Entre eles, o Esquío de poesía do 97 ou o Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro infantil no 2013. Mantén o blog http://crebas.blogaliza.org/

«A preocupación pola paisaxe está en min case desde que teño uso de razón»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Poesía e territorio