Gayoso alumeou Cee cun gran candil


Oprimeiro que dixo onte na Alameda de Cee Xosé Ramón Gayoso cando arrincou o pregón da Xunqueira foi: «Ola a todos. Boa tarde e moitas grazas. E empezo sen máis». E, de inmediato, botou a cantar coa guitarra: «Que viva, que viva / a Festa da Xunqueira / que a Virxe protexa / ás xentes desta terra. / Homes e mulleres / enchidos e amor / que levan a Cee / que senten a Cee / no seu corazón». Ese foi o estribillo que, a forza de repetilo, quedará na memoria dalgún dos máis de 300 asistentes ao acto. Moitos deles puxéronse en pé para agradecer palabras moi agarimosas sobre a historia da vila e as súas xentes. E, como empezou cantando, tamén remataría cantando, case tres cuartos de hora máis tarde, naturalmente co Apaga o candil do Xestal que fixo célebre no Luar que presenta dende 1992. Coa letra, por certo, adaptada en parte á alcaldesa, Zaira Rodríguez.

En todos eses minutos, Gayoso fixo un longo percorrido polo pasado e o presente de Cee. «Coa miña guía», ou grazas a ela, como repetiu en varias ocasiones. Desvelaría ao final que se refería a Lola, a súa dona, natural de Muxía e moi vencellada á localidade dende o seus tempos de estudante e tamén por razóns familiares, pero todos os asistentes sabían que o seu «faro» vital, «o que alumea a miña vida», era ela. «A guía que me levou polos vosos corazóns», a que o acompaña dende hai 29 anos e a quen, de ese modo, rende unha homenaxe especial.

Así que foi Lola a que lle axudou a por os nomes e espazos ao contido do seu texto. Tal vez xa dende esa primeira canción, que tiña máis que estribillo e percorría todas as parroquias do municipio, aclarando que o facía «para estar aquí en Cee / e aquí hei quedar / con toda esta xente / para xuntos cantar».

Confesou Xosé Ramón, nacido en 1956 na Coruña, licenciado en Dereito, excampeón de atletismo e cun aceptable historial de éxitos musicais -ademais de toda a súa traxectoria televisiva na TVG dende a súa creación en 1985-, que o da canción inicial no fora cousa doada: «Había moitos moitos anos que non facía unha canción», alegrouse de que esta composición fose precisamente para Cee.

Falou do sentido dos pregóns, máis axeitado para os naturais de cada lugar que para os de fóra, porque coñecen mellor o sentir das festas. Foi o punto de apoio para o seu percorrido persoal, trazando todas as liñas da súa relación coa vila que, como se viu, non eran tan poucas.

Grazas a eses «ollos e corazón» da guía, que chegaba a Cee en 1974 no bus de liña, foron aparecendo personaxes que os veciños de certa idade aínda lembran: Luciano, o garda de tráfico, e os seus compañeiros (aproveitou para citar aos gardas Pascual e Marcial de Luar, ou sexa, Artur Trillo e Toño Casais). Aos compañeiros policías locais. Aos compañeiros do instituto da muller. A profesores como Garea, Celsa Ferrín, a directora Ana María, don Antonino e don Enrique... A xenerosidade do filántropo Fernando Blanco de Lema, que propiciou cimentos para garantir «a única forma do ser humano de evolucionar: con formación e educación». Lembrou a obra de Domingo Antonio de Andrade, evocou nomes de locais de Cee de anos atrás, destacou a obra de xuristas como Otero Lastres, Argimiro Vázquez Guillén ou Francisco Caamaño (a sogra do exministro e o sogro de Gayoso eran irmáns). A Francisco Mayán. A María Canosa (e ao baiés Jorge Mira, que tamén fora pregoeiro)... Dedicou un recordo especial a Juan Santabaya, o que lle gravara o primeiro disco a A Roda, o que editara outro con música galega que sempre poñían de peche na discoteca La Marina, o lugar ao que foi o día que se casou, tras celebrar en Corcubión o convite. Santabaya foi o descubridor de artistas como Felipe Campuzano ou María Jiménez, e parte esencial da historia da música galega. E era de Cee.

Por eses camiños foi o seu pregón, rescatando historias e nomes e eloxiando a Cee e aos ceenses, e animando a gozar das festas como sempre se fixo, como un momento de renovación, de fin de ciclo e de inicio doutro, e así ara o ano que vén.

O presentados percorreu a vila e a súa xente co «corazón da súa guía»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

Gayoso alumeou Cee cun gran candil