Encontros na terceira fase en Borneiro

CARBALLO

A participación na andaina nocturna, celebrada o luns, foi a maior de todas as edicións.
A participación na andaina nocturna, celebrada o luns, foi a maior de todas as edicións. ana garcía< / span>

13 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Na madrugada do luns para o martes tivo lugar a ducodécima edición da Ruta das Estrelas do Concello de Cabana, unha actividade que xunta as ganas de camiñar, as de sentier a aventura de botarse ao medio do monte e ir ao alto dunha montaña de noite sen medo (ao vernos protexidos por toda a xente que nos acompaña) e, sobre todo, a de extasiarse ante o maior espectáculo posible: a contemplación de varios núcleos de poboación ao mesmo tempo e do espectáculo do ceo estrelado, que fascinou á humanidade dende sempre. Á convocatoria respondeu unha das maiores cantidades de xente que se recordan nesta iniciativa: ¡No aparcadoiro do Castro de Borneiro presentáronse da orde de 300 persoas!

Ao pouco de poñérmonos a andar, veu a primeira sorpresa: aparecéusenos algo así como unha estrela móbil saíndo do oeste. Non era un avión (o avión leva luces intermitentes e esta luz era fixa): era a Estación Espacial Internacional, un enorme satélite artificial do tamaño dun campo de fútbol e habitado por tres astronautas, que dá unha volta á terra cada hora e media, a uns 28 000 km/h e a uns 350 quilómetros de altura e que, vindo do Atlántico, pasou cerca da vertical do sur do Reino Unido.

Un pouco máis adiante, unha foto de postal: ao fondo da longa recta dunha das corredoiras, totalmente repleta de xente con pequenos focos (como se fósemos unha procesión da Santa Compaña) aparecéusenos un gran foco que nos iluminaba. Mesmo parecía que estaba posto adrede, pero non era máis que unha carambola: a lúa chea, que sorprendía pola súa luminosidade. Efectivamente, ese día a lúa estaba no seu punto máis próximo ao noso planeta, a uns 350.000 quilómetros. Ao cadrar ese momento coa fase de lúa chea, o resultado é que a estabamos a ver un 15% máis grande e un 30% máis brillante.

Por fin chegamos ao cumio dunha montaña próxima a Borneiro. A min ese momento sempre me recorda ás escenas finais de Encuentros en la tercera fase, a famosa película de Spielberg na que un grupo de persoas contactan con extraterrestres nunha montaña.

Do mesmo modo que na película de Spielberg, o cumio desa montaña fai como de anfiteatro natural para ver o firmamento e, tamén, para ver visitantes extraterrestres: as partículas deixadas polo cometa Swift-Tuttle baten contra a terra a uns 50 km/s e arden literalmente a uns 100 km de altura, dando lugar ao fermoso espectáculo das estrelas fugaces.

A lúa xa mandaba na noite, pero ao evitaer a contaminación lumínica das farolas podíanse ver as principais referencias do ceo nocturno nese momento: a estrela polar (identificable en base á Osa Maior) a constelación de Escorpión coa súa capitá, a estrela xigante vermella Antares... e tamén dous dos planetas máis peculiares: Saturno e Marte. Por suposto, tamén alí estaban as constelacións de Casiopea e Perseo, de onde saían as estrelas fugaces, que a xente ía vendo mentres escoitaba as miñas explicacións. A atmosfera do momento e do lugar esperta dúbidas trascendentais: por que o ceo é escuro? Se fose infinito, con infinitas estrelas, tería que estar cheo de luz... A resposta... tena a xente que estivo alí.

Na ruta houbo unhas 300 persoas