«Hai que escapar da xente que está moi segura de todo»

Manuel Rey
Manuel Rey CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O xornalista cercedense presenta esta tarde no café Cervantes de Carballo o seu libro «Os televisores estrábicos»

12 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O café Cervantes de Carballo acolle este serán (21 horas) un coloquio de presentación do libro Os televisores estrábicos, do escritor e xornalista Ramón Vilar Landeira (Rodís, 1973). O acto estará conducido polo tamén xornalista Henrique Mariño.

-¿Quen foi Ramón Caamaño?

-Un dos grandes fotógrafos do século XX, non só na Costa da Morte senón en toda Galicia.

-¿Verbena ou foliada?

-Na miña zona o que máis se vivían eran as verbenas, así que me quedo con elas.

-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?

-Dombate. Pero reivindico o de Cabaleiros, na comarca de Ordes. Unha auténtica xoia.

-¿Cal foi o último faro que se construíu en Galicia?

-O do porto exterior da Coruña.

-¿Cal foi a última vez que puxo unha lavadora?

-Hai dúas cousas que nunca fago na casa: pasar o ferro e poñer a lavadora.

-¿Un defecto?

-A inseguridade. Fago apoloxía dela e non me gusta a xente que está moi segura de todo e de si mesma. Hai que escapar deles.

-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?

-¿Fisterra? ¿Touriñán?

-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?

-Do de Vimianzo.

-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?

-Juan Ramón Jiménez, ou Lorca.

-¿En que lle gusta pasar o tempo nas vacacións?

-Levo catro anos sen vacacións. Ía ser este ano pero felizmente, coas presentacións tampouco vou ter moitas. Gústame a praia, a pesca e non facer nada.

-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?

-A miña avoa morreu hai máis dun ano con 107, e Avelina era un pouco máis vella. Calculo que pode ter 110.

-Un soño por cumprir.

-Nunca fun de ter soños fixos. Son dos que penso que tódolos días temos que plantexarnos metas, que non teñen porque ser grandes. Por dicir algo, gustaríame debutar co Dépor en Riazor.

-¿Onde está o pazo de Romelle?

-Creo que na zona de Soneira.

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Fun dúas veces na miña vida a unha nudista. Habitualmente vou a téxtiles, aínda que bañarme espido no mar é un pracer.

-¿Onde naceu o almirante Mourelle?

-En Fisterra ou Corcubión

-¿Licor café ou caipirinha?

-Non son moito de licores, pero quedaríame co licor café.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-En Fisterra, sen desmerecer a Muxía.