«Aprendín que os soños é mellor non contalos»

Manuel Rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A escritora ceense María Canosa é homenaxeada na Biblioteca de Muxía este mes de agosto coa dedicación da Galería de Mulleres

06 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

«É un orgullo que se acordasen de min e sobre todo que teñan ese espazo dedicado á muller». María Canosa é a homenaxeada na Galería de Mulleres da Biblioteca Municipal de Muxía neste mes de agosto. A televisiva escritora de Lires temía o cuestionario, pero saíu ben do paso.

-¿Quen foi Ramón Caamaño?

-Esa seina. Foi o fotógrafo que máis e mellor abalou a Pedra de Muxía.

-¿Verbena ou foliada?

-Facédesme elixir entre cada cousa... Cando se trata de festas eu non elixo. ¡Todo!

-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?

-Supoño que ao de Dombate.

-¿Cal é o último faro que se construíu en Galicia?

-O último que coñezo é o de Nariga.

-¿Cal foi a última vez que puxo unha lavadora?

-Non o lembro porque o fago continuamente. Hai unhas horas.

-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?

-Mira, que se pelexen Fisterra e Muxía. Eu non quero leas, metro arriba, metro abaixo. Que decidan eles ou Jorge Mira que o sabe moi ben.

-¿Un defecto?

-Ultimamente, demasiada naturalidade.

-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?

-Non son moi boa en historia. Lobeira, ao único que me soa é ás Illas Lobeiras. E creo que alí non houbo ningún castelo.

-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema en galego á Barca?

-Creo que foi García Lorca.

-¿En que che gusta pasar o tempo das vacacións?

-Ultimamente xa non sei nin o que son. Pero gústame dedicarme a todo iso que non puiden facer antes. Viaxar, ler, visitar á familia...

-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?

-Exactamente non o sei. Unha presada máis de cen ten.

-¿Un soño por cumprir?

-Aprendín que os soños é mellor non contalos porque a maior parte das veces escachan.

-¿Onde está o pazo de Romelle?

-En Zas, ¿pode ser?

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Téxtil sempre. Non sería capaz de ir a unha nudista.

-¿Onde naceu o almirante Mourelle?

-¿Corme? ¿Camariñas?

-¿Licor café ou caipirinha?

-Licor café por enxebre, pero non bebo ningún dos dous.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-¡Mira que vos gustan as leas! Antes fuxín e agora non podo. Pois, a ver, os Canosa procedemos de Fisterra. Así que en Fisterra.