«É unha gozada ver xente de todas as idades paseando en bicicleta por Ponteceso»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

O rexedor destaca as numerosas actividades que os departamentos de Cultura e Deportes realizan este verán

23 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar (Lestimoño-Ponteceso, 1950) valora de forma positiva esta nova edición do Día da bicicleta, que cumprirá este domingo 22 anos.

-¿Gústalle o ciclismo?

-Gústame o ciclismo, pero eu prefiro andar. Encántame. E dende que arranxamos o malecón, moito máis. É, sen dúbida, un dos grandes paraxes de Ponteceso. É fermoso poder camiñar por el. Ademais, coa posta en valor de varias rutas de sendeirismo, a cifra de visitantes aumentou de forma considerable.

-Vamos, que está encantado do resultado dos técnicos.

-O traballo dos departamentos de Cultura e Deportes neste mandato é unha das cousas das que estou maís satisfeito. De entre todos eles quero destacar o labor de Javier Couto co sendeirismo. Este ano recibimos moitas visitas de escolares, grupos de turistas...

-¿Que representa o Día da Bici?

-Persoalmente é unha gozada ver xente de todas as idades paseando en bicicleta por todo Ponteceso. As estradas de colorido, de ledicia, de familias enteiras pasando un día xuntos. Este tipo de actividades xeran dalgunha forma un impacto na hostalería. Algúns logo quedan por Ponteceso a tomar un aperitivo, comer, ir a praia ou dar un paseo.

-Este ano o trazado cambia moito.

-Porque o obxectivo é que o Día da Bicicleta pase por todas as parroquias de Ponteceso.

-A concelleira de Deportes, Mar Durán, dixo que para o ano quere que a saída sexa en Xornes, a súa parroquia.

-Si, pero é algo complicado porque Xornes queda moi lonxe de Ponteceso. Pero imos estudar a súa proposta.

-¿Que destacaría deste percorrido?

-Que hai novas parroquias que se suman ao Día da Bici, que poden participar activamente desta experiencia. Tamén gustaríame destacar o feito de que dende o Concello non se deixou nada ao azar. Hai un seguro de responsabilidade en caso de accidente, temos habilitado o punto de atención continuada por si xurde algún convinte, o GES, Policía Local Garda Civil, Protección Civil, solicitamos permisos á Xunta...

-A Festa do Percebe, o Día da Bici, Costa Bergantiñá... Moitas actividades de verán.

-A semana que vén a Motofesta, logo a Feira das Fabas... Temos un verán moi completo.

José Luis Fondo Aguiar alcalde de Ponteceso