Deixados da man de Deus

Alexandre Nerium

CARBALLO

23 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Habitarmos a Costa da Morte é vivir nunha auréola máxica, única, indescritible, inherente ó noso xeito de ser. A nosa vida entre salseiros e barcos carenados de negro galipote tal escurecido loito dos antergos, e lendas xacudidas de naufraxios e redes atordadas polo insomnio.

Arestora o tempo muda de rumbo. A pedra do Cabalo xa non marca os mares ancestrais, nin os goniógrafos rexistran os trazados dos ángulos.

Vémonos na obriga de arrostrar un futuro diferente de cara ó turismo, mais aínda non estamos preparados para afrontar esta nova singradura.

Temos unha paisaxe maxestosa, uns areais magníficos, unha gastronomía única no mundo pero o noso patrimonio cultural témolo deixado da man de Deus. Escoitamos e lemos cada día nos medios de comunicación que os edificios máis emblemáticos da Costa da Morte permanecen cerrados, que as institucións pecharon a billa para que estes centros de interpretación, museos poidan dar a coñecer a nosa historia, que os concellos apenas colaboran. É unha mágoa esta situación. Sabemos que a crise nos golpea a todos como vento furibundo mais non podemos caer nas súas gadoupas. Chegou o tempo de arrimar o ombro. A hostalería, a restauración e o comercio teñen que botar unha man para que estes centros poidan seguir funcionando, para que a xente que nos vén visitar leve unha boa imaxe de nós e que volvan para o próximo ano e que non pase o que me pasou no Museo da Pesca que estando facendo unha visita guiada viñeron a cortar a luz.