«A poesía é o ámbito artístico no que a palabra é máis libre»

A fundación muxiá premiou o poemario «Os días condenados»

.

Para Laureano Xoaquín Araújo Cardalda (Berna, Suíza, 1964), profesor de alemán no IES Xelmírez I de Compostela, licenciado en Dereito, doutor en Ciencias Políticas e tradutor, a súa participación no certame de poesía Gonzalo López Abente con Os días condenados. Fragmentos para un devocionario acaba de supor unha exitosa estrea no eido da creación literaria.

-¿Que o levou a presentarse por primeira vez a un certame e a facelo precisamente a este?

-Eu sempre escribín e lin poesía, pero sempre o fixen moi as agachadas, nunca falei disto con ninguén. Pero esta primavera tiven un ataque imprevisto de espontaneidade, completamente impropio de min, entereime de que existía este concurso e presenteime. Ao día seguinte xa me arrepentín evidentemente, pero xa estaba feito o mal. E xa o tiña medio esquecido ata que me chamaron o venres para dicirme que gañara; quedei moi sorprendido.

-¿A que se debe ese achegamento case secreto á poesía?

-A que teño unha vivencia moi conflitiva do que é a poesía. Teño a sensación de que os autores teñen demasiado protagonismo. A miña concepción da poesía consiste en que é o ámbito artístico no que a palabra é máis libre, onde parece que é esta a que utiliza ao autor e este converterse nun mediador entre a palabra e a folla, que é un pouco o concepto de poesía que tiña tamén o poeta José Ángel Valente. E por iso sempre tiven unha relación de respecto absoluto pola poesía, de pensar que é o reduto máis puro e impenetrable da linguaxe, entón nunca me atrevín a nada e sempre me acheguei a ela en segredo.

-Tras este premio haberá que seguir dando luz á súa poesía.

-Si, de feito xa estaba seguindo porque eu sempre ando facendo cousas. Pero está claro que un premio é algo moi positivo porque tes a sensación de que isto ten un sentido que vai máis aló do que che pode reportar a ti inmediatamente, é dicir que pode haber unha terceira persoa que atope os textos interesantes, estimulantes, emocionantes... e iso, como todos temos un pouquiño de vaidade, invítache a insistir e perseverar.

-Falaba antes de Valente. ¿É o seu autor preferido?

-En galego o que máis me impresiona é Lois Pereiro, sen dúbida. A Poesía última de amor e enfermidade é unha cousa impresionante. Pero hai máis: Emma Couceiro, Berta Dávila, Ana Romaní. E dos que non escriben en galego está José Ángel Valente, que para min é o gran exemplo e desde o punto da ideoloxía poética é o que máis me atrae e co que máis me identifico. E tamén me gustan autores como a polaca Wislawa Szymborska, o norteamericano Mark Strand ou o portugués Nuno Júdice... hai moitos.

-Non citou ningún autor en alemán.

-Nese senso estou un pouco desligado. Podo ler un pouco a Paul Celan, que é moi interesante e de feito no poemario do premio aparecen alusións a el e mesmo o cito nun determinado momento, pero de xeito inmediato os meus intereses van polos autores que citei antes máis que polos alemáns. Estes teñen unha cultura poética un pouquiño diferente á nosa e non me sinto tan próximo a ela como me pode sentir a autores como Valente ou Lois Pereiro.

-Ten traducido ao galego clásicos como A morte en Venecia ou Opinións dun pallaso. ¿Non se animou nunca coa poesía?

-Non. Aparte de textos académicos traducín exclusivamente obras de narrativa. Nunca me atrevín nin co teatro nin coa poesía e creo que ou moito cambian as cousas á poesía nunca me achegarei porque iso xa é un traballo moi moi difícil de facer e non sei se me atrevería con el.

-O xurado destacou do seu poemario o «contido fresco», «versos con moito simbolismo», «o ritmo da composición»...

-Como estou fóra do país e teño mal acceso a Internet non vin a acta do xurado e como non teño experiencia a isto nin sequera sei se á accesible. Pero iso soa moi ben, porque que os versos teñan cadencia é fundamental nun texto poético.

-¿Que se atopará o lector nestes «Días condenados»?

-Digamos que ten tres grandes apartados e cada un é unha viaxe da palabra a través das emocións e dos sentimentos. Hai emocións, amor, odio, sexo e sobre todo creo que hai, ou me gustaría pensar que o hai, sentido do humor, que é algo que se ve menos na poesía.

lAUREANO XOAQUÍN ARAúJO CARDALDA GAÑADOR DO CERTAME GONZALO LÓPEZ ABENTE

Votación
8 votos

«A poesía é o ámbito artístico no que a palabra é máis libre»