A pedra cobra vida en Cabana para animar o verán

Á. P.

CARBALLO

Tradición, diversión, cultura, música, festa e a novidade do certame de cantería conforman o programa de actividades

05 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A pedra servirá de fío condutor das propostas culturais do verán en Cabana. Dombate será o estandarte -coa recuperación das visitas guiadas e a novidade das veladas nocturnas do venres- dun programa que transcorrerá tamén entre o camiño de pedras da Ruta das Estrelas, o Rego dos Muíños, o castro A Cidá de Borneiro, as capelas onde se celebrarán algunhas das romarías máis tradicionais da bisbarra, a parroquia de Riobó -coa súa tarde medieval- e a praza do Pendón, onde terá lugar un vello proxecto por fin materializado: o certame de cantería Vento de Pedra.

Máis dunha decena de propostas integran un programa feito «con poucos cartos, pero moito traballo», e que por iso mesmo foi presentado onte por unha nutrida representación municipal; Xosé María Varela, Martín Martínez, Silvia Losada e Ángel Eiroa, co alcalde, José Muíño, á fronte.

Un intercambio coa localidade irmá de Treize Septiers, que permitirá a un grupo rapaces galos e cabaneses traballar, aprender e divertirse xuntos, e a máster class que impartirá en Dombate o violinista Casey Driessen son outras das novidades dunhas propostas materializadas grazas tamén á implicación dos veciños e á colaboración de persoeiros como Jorge Mira. Ademais, o Concello colaborará coas romarías do Carme do Briño (día 18), Santa María do Remuíño (19) e San Fins do Castro (1 de agosto) aportando a música popular.