Grandes nomes da música encabezan o Verán Cultural de Carballo

Á. P.

CARBALLO

J. M. CASAL

Prada e Romaní volven á localidade catro decenios despois dos seus primeiros recitais

04 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O alcalde carballés, Evencio Ferrero, botou man onte da súa hemeroteca mental para destacar a importancia dos dous grandes protagonistas do novo programa Verán Cultural e lembrar que tanto Amancio Prada como Rodrigo Romaní actuaron xa na capital bergantiñá hai arredor de catro decenios. «Lembro que o salón de actos do Alfredo Brañas estaba cheo», apuntou sobre o concerto que o cantautor ponferradino ofrecera para presentar o seu disco Vida e morte.

O 40º. aniversario dese traballo será, precisamente, o motivo polo que Prada volverá a Carballo o 8 de agosto para ofrecer un concerto na praza do Concello. Por ese mesmo escenario pasará unhas semanas antes (o 18 deste mes) Rodrigo Romaní co seu disco Arpas de Breogán para ofrecer un concerto programado xa para o verán pasado, pero que tivera que ser suspendido por mor dun accidente de tráfico.

A cantante de fados María do Ceo, que actuará o 1 de agosto, e a violinista Begoña Riobó, que o fará o 22 dese mes, serán as outras protagonistas musicais dun programa de actos que a concelleira de Cultura, Mar Eirís, definiu como «diverso, de calidade e pensado para satisfacer os gustos e os intereses culturais de diferentes públicos».

Para os cativos están destinados os espectáculos de Os sete magníficos máis un, Magín Blanco e o mago Martín Andersen e algunhas das sesións das noites de cine, nas que tamén haberá tempo para gozar da acción, a aventura e a comedia, con títulos tan exitosos como Gravity ou 8 apelidos vascos.

O festival Sereas e Piratas e a Praza dos Libros, que pechará os actos, son outras citas destacadas dun programa co que a localidade espera atraer a visitantes doutros municipios e converterse de novo nunha referencia para toda a comarca.