«A xente quedaba para ver o fútbol e agora sae en bici»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

O licenciado en INEF explica os cambios sociais acontecidos na localidade en torno á práctica deportiva e os novos clubs

01 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Manuel Calo Canosa (Cee, 1977) é licenciado en INEF e técnico de Deportes no Concello de Cee, onde actúa como testemuña de excepción dos movementos que se producen no eido da práctica deportiva, na que o Día da Bicicleta, que cumpre 13 anos, ten tamén un oco «xa tradicional»

-¿Como está de saúde o deporte no Concello de Cee?

-De dous-tres anos para aquí viuse unha evolución moi importante. Naceron clubs de pesca submarina, patinaxe, deportes de contacto, fútbol sala feminino,... e son eles os que marcan o ritmo, porque cando eu empecei era o Concello o que asumía todo. Agora colaborase con eles, coas instalacións, por suposto, e con axudas nominais aos que teñen escolas de base. Deberíase apoiar máis, pero os tempos son os que son aquí e en todos os sitios. O positivo é iso, que existe un tecido asociativo forte, que non só beneficia á xente de Cee, porque no club de atletismo, por exemplo, hai rapaces de Corcubión, Carnota, Vimianzo,...

-¿Nótase a nivel de rúa?

-Sexa por saúde ou polo que sexa a verdade é que a xente antes ao mellor quedaba para o fútbol e agora compra unha bici e sae nela. Ao marxe do club ciclista, que estaba parado e nos últimos cinco anos mostrase moi activo -ademais préstanse a todo o que se lles pide- hai grupos, e eu descubrino precisamente un Día da Bicicleta cando estaba montando a megafonía no palco, que quedan a unha hora todas as semanas e van por aí. Despois temos a piscina, que non lle damos moita importancia, pero é unha verdadeira referencia.

-¿Quen se beneficia dela?

-Sempre nos quedamos nas queixas pero para min é un exemplo de eficiencia, porque a aproveita xente de toda a comarca. Ao mellor en 20 anos non vemos facer outra piscina climatizada. Esta fíxose en Cee e eu non digo que tivese que ser aquí, pero está claro que non ten sentido construír unha en cada Concello, como tampouco o teñen os campos de fútbol e máis hainos. Veño de Andalucía de facer un curso e alí están pechando algunhas das descubertas porque non se poden manter. Esta é viable grazas a que serve para toda a comarca. Veñen os colexios, grupos, xente maior,... que doutro xeito estaría na casa.

-¿Como contribúe o Día da Bicicleta neste panorama?

-É unha cita tradicional. Xa van 13 anos e a xente sabe que a principios do verán vai ter unha xornada así. De feito xa hai veraneantes que o saben e apúntanse.

Manolo calo técnico de deportes de cee

día da bicicleta