A comarca enteira festexa as Letras

P. B. M.

CARBALLO

J. M. CASAL

17 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Non queda hoxe recuncho da Costa da Morte que non festexe, dun xeito ou outro, este 17 de maio, Día das Letras Galegas. Empezando xa polo Couto, en Ponteceso, que coa súa 32.ª edición das Festiletras ofrecerá unha xornada chea de actividade: ese pioneiro Encontro de aldeas singurales; entretemento para os nenos, os concertos da noite con Oreka Tx, Joao Afonso e Xabier Díaz...

Calquera veciño da comarca ten nesta aldea pontecesá moito onde escoller, pero o menú é aínda moito máis amplo. Viaxando ata Carballo, a sede das celebracións estará no centro neurálxico da vila. Así, no xardín municipal, dende as 11.00 ata as 13.30 horas, terá lugar unha lectura pública e colectiva dos 51 autores homenaxeados nas Letras Galegas. A participación no recital é libre e terá como acompañamento a banda municipal de gaitas, que logo ofrecerá un concerto ás 13.30 na rúa Coruña. Tamén dende as 11.00, na praza do Concello, se desenvolverá o 35.ª concurso infantil de pintura Luis Calvo, organizado por Lumieira. Para os nenos, dende os tres anos en adiante, Baobab Teatro ofrecerá contos na ludoteca municipal (ás 12.00).

En Malpica, o grupo de teatro Amigos de Malpica representarán Mañanciñas de Sol (20.15 horas, centro cívico), acto que tamén se aproveitará para presentar a oenegé Tierra de Hombres. Por Fisterra andará Abrapalabra Creacións Escénicas ou, o que é o mesmo, Cándido Pazó. El dirixe e interpreta Memorias das memorias dun neno labrego, preferentemente para maiores de dez anos: con este asiduo da comarca a cita é as 18.00 horas, no salón de actos do Concello. A vila de Camariñas tamén pensou en adultos e maiores: hoxe, dende ás 11.30 horas, haberá pasarrúas co grupo de gaitas Con toda en banda, mentres que ás doce, na Casa da Pedra, o humorista Peter Punk fará de mestre de cerimonias na gala de entrega de premios do certame literario Intercentros de Camariñas.

En Baio, organizado por Adro e Badius, e coa colaboración do colexio Labarta Pose e o instituto Maximino Romero de Lema, haberá unha tarde de entretemento no auditorio do pavillón a partir das 18.00: primeiro, gaitas e pandeiretas con Adro, logo, teatro cos alumnos do Labarta Pose (obra A consulta do doutor) e cos do instituto (TVKK). Non moi lonxe, en Pasarela (Vimianzo), a festa rachada comezará ás 17.00 horas. Dedicándolle o día a Díaz Castro, actuarán o grupo de pandereteiras e cantareiras de Trubisquiña, o dúo acordeonista Aserrín e Viruta, o grupo de baile de nenos Airiños do río Grande, o grupo de gaitas e baile Churía (de Castro Meda-Zas), o grupo teatral Os Sapapusios de Pasarela e, finalmente, a charanga Escándalo. Ademais, haberá pinchos.

En Corcubión, as letras andarán polas tabernas do pobo á hora dos viños. Por suposto, lembrando a Díaz Castro, este ano homenaxeado.

Xuntanza folk e Tonhito en Lires

Por último, pero non menos importante, a vila de Lires é hoxe unha meca imprescindible: alí, a partir das 20.00, haberá churrascada (6 euros a ración, amenizado con Peta Forte). Logo, a partir das 22.30, actuarán os gaiteiros de Pedras Miúdas, Chiculate, Os Naviza e A Banda de Poi, con Tonhito de Poi ao fronte. El arrastra a toda unha lexión de seguidores dende a súa pertenza aos inesquecibles Herdeiros da Crus.