«En Galicia hai moitas heroínas no día a día»

Á. Palmou

CARBALLO

Risco visita O Couto coa súper heroína «Nabiza Girl».
Risco visita O Couto coa súper heroína «Nabiza Girl». césar quian< / span>

Regresa ao Couto para pechar xunto a Xosé Touriñán a xornada inaugural da gran celebración das Letras Galegas

16 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Tras gañar hai poucas semanas un dos premios Mestre Mateo e pese a estar inmersa na campaña electoral (forma parte da candidatura do BNG ao Parlamento Europeo), a actriz Isabel Risco (A Coruña, 1975) regresa esta noite á aldea pontecesá do Couto coa súa personaxe de Nabiza Girl para pechar a xornada inaugural das Festiletras.

-¿Que a animou a aceptar a invitación dos veciños do Couto?

-¡Como non ía aceptar! Xa non só polo que representan e polo labor que fan, senón porque trátase das Letras Galegas e dunha terra coma O Couto, coma Ponteceso, que é unha marabilla. Esta é a terceira vez que acudo e ademais de xeito consecutivo, aínda que sempre é unha experiencia nova e meréceme un respecto grandísimo.

-¿Pódese dicir que a súa «Nabiza Girl» volve á aldea?

-Volve á aldea porque coma todos ten aí as raíces, pero non é que volva é que está e traballa alí, a aldea é o seu cuartel xeral, o headquarters das películas de súper heroes, pero neste caso entre as leiras.

-¿Facía falla unha súper heroína galega?

-Xa hai moitas e hóuboas tamén na historia do noso país. Hainas en todos os sectores, como a xente do Couto, a xente do agro, do mar... En Galicia temos moitas heroínas no día a día que merecen un respecto e unha admiración. Somos un país de heroes e de heroínas e hai que reivindicar iso, e a nosa cultura, a nosa potencialidade, a nosa tradición e a nosa modernidade.

-¿Non ten pelos na lingua?

-Procurei facer a depilación láser (ri). Vivimos nuns tempos nos que temos que defendernos xa dunha vez. Temos un país moi rico, cheo de diversidade e con moito que aportar ao mundo, pero que está moi maltratado. Non ten nada de malo defendelo e coidalo porque dependemos de nós e como sigamos así desapareceremos e se o facemos será unha perda moi grande, para nós pero tamén para o mundo.

-¿O feito de terse significado tanto na defensa do galego e doutras reivindicacións tenlle ocasionado algún inconveniente?

-Os galegos somos o que somos polo noso idioma e se o galego deixa de existir nós tamén o faremos. Mesmo os galegos que non o empregan, cando falan noutro idioma fálano desde o galego. Ademais temos moitas maneiras de expresarnos que non teñen tradución, como a morriña ou a retranca. É un idioma moi rico e moi vello e por iso hai que defendelo. En canto a se tiven algún problema, puiden ter algún puntual con algunha persoa que non tivo a oportunidade de aprender a aprecialo, pero como todos os galegos e as galegas quero vivir na miña terra e do meu traballo e neste traballo unha das ferramentas que teño é o idioma, que é o que me dá de comer.

-¿Vive o seu mellor momento profesional?

-É un momento no que estou gozando do cariño da xente e vívoo como se formase parte de moitas familias. É unha marabilla e ten un valor incalculable.

isabel risco humorista