Malpica celebrará as Letras Galegas con artes plásticas, teatro, música e lectura

La Voz

CARBALLO

09 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Malpica xa ten listo o programa de actividades co que estenderá a celebración do Día das Letras Galegas a todo o mes de maio. Baixo a denominación de Nos tempos das letras agrúpanse quince propostas entre as que hai espazo para as artes plásticas, o teatro, a música e a lectura.

Ao primeiro eido pertence a máis madrugadora de todas, a exposición do pintor Nolo Suárez aberta desde hai dúas semanas no centro cívico e á que se lle sumarán outras dúas mostras maís: unha dedicada a Xosé María Díaz Castro e outra que recolle obras dos artistas carballeses Mon Lendoiro e María José Costa, Chiña. A biblioteca do centro cívico acollerá durante todos cinco vernes consecutivos (comezando hoxe mesmo) outras tantas propostas para os máis cativos.

O programa inclúe tamén varias representacións de sabor local (a cargo dos alumnos dos obradoiros teatrais do Concello e dos integrantes de Amigos de Malpica) e un par de actividades da asociación cultural Caldeirón (entre elas, a presentación do certame de poesía erótica Illas Sisargas).