A Real Academia Galega estreouse en Cerceda celebrando as letras galegas

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Participantes nunha das probas da xincana sobre Díaz Castro.
Participantes nunha das probas da xincana sobre Díaz Castro.

Alonso Montero visitou a localidade co secretario xeral de Política Lingüística

08 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Por primeira vez, un presidente da Real Academia Galega visitou Cerceda. Fíxoo onte Xesús Alonso Montero e ademais anunciou que non ha tardar en regresar. «Contáronme que a alguén que estudou neste colexio, coma vós, Ramón Vilar Landeira, acaba de publicarlle un libro unha das editoriais máis importantes de Galicia», díxolle aos rapaces do CEIP O Cruce presentes no centro cívico para destacar a importancia de empregar o galego e formarse. «Non todo o mundo ten ser poeta ou escritor, pero todo o mundo si ten que ser un bo lector e entender ben as palabras porque así é como poderá esixir xustiza e pedir, por exemplo, que non haxa máis corrupción», razoou.

Con estas verbas o presidente da RAG pechou unha visita na que tamén estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e que lles permitiu celebrar por adiantado e cos escolares cercedenses o Día das Letras Galegas.

Alonso Montero e García, que foron recibidos pola concelleira de Cultura, Begoña Rodríguez Rumbo -alcaldesa accidental pola ausencia onte de José García Liñares-, visitaron a exposición Nimbos de luz e dirixíronlles unha palabras aos escolares que participaron durante toda a mañá na xincana cultural desenvolvida por Xandobela en torno á obra e a traxectoria do autor homenaxeado este ano, Xosé María Díaz Castro.

Tanto os dous invitados como a concelleira pediron aos alumnos que empreguen o galego e que contribúan a prestixiar esta lingua e puxeron a Díaz Castro como exemplo de rapaz de aldea que sen renunciar á súa lingua materna, contribuíu a facela florecer.

«Non hai máis límites que os que un se queira poñer», coincidiron en sinalar García e Alonso Montero unha vez que aos alumnos participantes na xincana -arredor de 160- se lles sumaron o resto dos escolares do centro para asistir á entrega dos premios dun concurso de RadioNovela organizado polo Concello por terceiro ano consecutivo. Antes, o presidente da RAG destacou tamén o feito de que mentres a maioría dos países conmemoran no seu día grande «un feito de armas» Galicia «celebra a palabra».

Luis Mosquera Conde e Nuria Varela Boquete, Antón Concheiro Fernández e David García García e Carla Santos Santos e Xaila María Gende Vilas (na categoría de primeiro e segundo da ESO), e Ana Muíño Raña e Santiago José Regueira Loureiro, Andrea Becerra García e Carina Gilda Garaboa e Nerea María Barbeito Trigo e Andrea Cancela Martínez (na de terceiro e cuarto da ESO) foron os gañadores e recibiron os seus agasallos de man de Alonso Montero, García, Rodríguez e das concelleiras María Viqueira e Rocío da Igrexa.

Brais Fernandes, organizador da xincana, tamén participou no acto poñendo voz aos poemas de Díaz Castro e sinalándoo coma un exemplo a seguir.