«Conseguimos relanzar a pasarela de grandes firmas»

La Voz

CARBALLO

22 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Dolores Lema, camariñá da parroquia de Xaviña, leva moitos anos vencellada á Mostra do Encaixe. Ela, que non deixa de agradecer unha e outra vez a tantos mozos e mozas que durante estes días traballaron tan intensamente de xeito voluntario, empezou tamén así: colaborando por vontade propia, desinteresadamente, cando a cita aínda levaba moi poucos anos en marcha. Foi a partir da número 13 cando pasou a ser a directora da cita. Di que aínda teñen que pasar uns días para que, no tocante aos estands e ás vendas, se poida facer balance. Non obstante, onte, mentres seguía acompañando a algunha das delegacións estranxeiras que aínda seguían na vila, recoñecía que o sabor de boca que deixou este 24.ª edición da Mostra do Encaixe é moi bo.

-¿Como están os ánimos logo destes cinco días tan intensos?

-Quedamos moi contentos a todos os niveis: participación de delegacións estranxeiras, número de estands de encaixe, os 94 deseñadores noveis que se presentaron á pasarela... E, á marxe disto, creo que conseguimos relanzar a pasarela de grandes firmas, da cal esta edición quedamos moi contentos. Conseguimos a participación de Rubén Perlotti... Neste relanzamento creo que ten moito que ver que Franco Quintáns sexa o director da pasarela, xa por segundo ano. Movéndose un dentro dese mundo, pode acadar mellor a participación de certas firmas.

-Tamén os deseñadores noveis aportaron un toque fresco.

-Tamén niso estamos satisfeitos: houbo propostas moi distintas, porque a temática é sempre libre, co único condicionante de ser deseños para mulleres.

-¿Empezarán xa en breve a preparar a do próximo ano?

-Aínda non se acabou de todo con esta [ri], pero de cara ao ano, que será o 25, pensaremos en novidades, aínda que non se cambie o que xa funciona.